miércoles. 12.08.2020 |
El tiempo
miércoles. 12.08.2020
El tiempo

O marisqueo afronta o primeiro peche do ano por toxinas no fondo da ría

Mariscadoras en A Seca faenando nos lombos marisqueiros da Zona V pasado mes de xaneiro. GONZALO GARCÍA
Mariscadoras en A Seca faenando nos lombos marisqueiros da Zona V pasado mes de xaneiro. GONZALO GARCÍA
O sector permanece á espera do resultado dunha segunda analítica que dictará se se procede ao peche definitivo da zona V, ou se se poderá volver a abrir á actividade en poucos días

O sector do marisqueo afronta, desde o martes, o primeiro peche do ano por toxinas. A medida, que polo momento é cautelar, afecta á zona V na que marisquean as cofradías San Telmo de Pontevedra, San Andrés de Lourizán e San Gregorio de Raxó, que suman entre as tres 420 mariscadoras de a pé.

A toxina atopada nestas primeiras analíticas é de tipo lipofílico, cuxos niveis se situaron por debaixo do límite aceptable. Segundo explica o patrón maior da cofradía San Telmo de Pontevedra, César Rodríguez, o sector permanece á espera dunha segunda analítica, que dictará se se procede ao peche definitivo da zona. Rodríguez admitiu que este episodio de toxina é algo que colleu aos sector por sorpresa porque "nunca nos había pasado tan pronto, en el mes de febrero", xa que os meses habituais para que a toxina apareza na ría adoitan ser entre abril e maio, ou incluso en outubro, unha circunstancia que o patrón maior de San Telmo achaca ao "cambio climático".

Segundo explica a patroa maior da cofradía San Andrés de Lourizán, Carmen Vázquez, procederase a realizar durante este xoves a segunda analítica que dictará se se volve abrir a zona ao marisqueo. Vázquez calcula que o sector poderá contar cos resultados entre o venres e o sábado. De producirse o peche definitivo do sector V, a patroa maior de San Andrés estima que "estaremos sen mariscar arredor de 15 días, entre esa analítica e a seguinte", o espazo de tempo habitual para que os niveis se volvan estabilizar.

O sector sinala que os niveis de toxina medraron moito dende a anterior analítica, polo que o peche definitivo é probable

Se os niveis desta analítica foran correctos e se decretara a apertura da zona V, o peche só estaría activo arredor de cinco días en total, e procederíase a reanudar a actividade. "Esperemos que non sexa moito tempo, como moito serán uns 15 días. Que non pase o de 2014 e 2015 cando tivemos que estar pechados a maior parte do ano", lembra a patroa maior de Lourizán.

Aínda que o sector non se mostra moi optimista en canto á reapertura xa que, segundo explica o patrón maior de Raxó, Iago Tomé, "os niveis de toxina medraron moi rápido dende a anterior analítica, e é probable que vaian en aumento". Segundo Tomé, o peche ao marisqueo adiantado nesta época do ano non é "de todo malo que se produza agora, xa que o da toxina é un proceso que hai que pasar, coma o da gripe. Mellor que veña en febreiro, cando baixaron os prezos despois do Nadal, e que poidamos mariscar para Semana Santa, que os prezos sempre medran un pouco máis".

Na xornada deste mércores a lonxa non recibiu ningunha devolución efectiva, á espera da contraanálise dos compradores

O marisqueo de a pé leva sen faenar dende o pasado martes, o terceiro día do mes previsto para a actividade. Ao longo de febreiro, as cofradías prevían mariscar o día 7, do 10 ao 14 ininterrompidos, o día 21, e dende o día 24 ao 27 tamén ininterrompidos. Deste xeito, este mes o marisqueo de a pé só puido saír o venres 7, o luns 10 e o martes 11, dos cales só os dous primeiros foron días produtivos, xa que o traballo do pasado martes queda no aire á espera de saber se se producirán devolucións do produto na lonxa durante o periodo estipulado. Segundo sinala o patrón maior da cofradía de San Telmo, na noite de onte a lonxa só recibiu dúas chamadas de compradores que procederán a realizar unha contraanálise do produto para saber se se procede ou non a sua devolución.

A FLOTE. O sector de a flote e o de mergullo non se viu afectado polo peche provisional da zona V, xa que ambos permanecen pechados todo o mes de xeito voluntario para preservar os recursos da ría.

Cada ano, ambos sectores escollen un mes para parar a actividade, ao contrario do marisqueo de a pé, que actualmente non realiza descansos ao longo do ano.

O marisqueo afronta o primeiro peche do ano por toxinas no fondo da...
Comentarios