O marisqueo de a pé sairá á rúa o 30 de abril para lanzar un SOS polo sector

Reclamarán axudas "dignas, individuais e directas" e a implicación das administracións ante a situación xenerada pola crise da ameixa ▶A proposta naceu nas reunións mantidas na primeira quincena de abril, tanto polo grupo de mariscadores descontentos coa situación económica que se está a xerar desde o cese forzoso de actividade, como os encontros para os primeiros rareos, nos que se constatou o mal estado das zonas de producción

Marisqueo a pie en Os Praceres_ Empiezan a las 8_00h_ pero creo que a partir de las 10h las pillamos_ bien en playa o bien en punto de control_
photo_camera Tarefas de eliminación de mexillón nos bancos marisqueiros de Cabeceira a principios de mes. D. FREIRE

Do seo das agrupacións de mariscadores do fondo da ría de Pontevedra nace a convocatoria para unha manifestación, o vindeiro martes 30 deste mes, coa que os mariscadores e mariscadoras de a pé queren facer un chamamento ás administracións sobre a súa precaria situación xenerada pola crise de salinidade e mortalidade do principal recurso: a ameixa.

marisqueo cartaz

A convocatoria difundiuse nas últimas horas nos grupos e medios nos que se atopan os máis de 400 traballadores do fondo da ría, pero conta xa co permiso oficial da Subdelegación do Goberno e cunha ruta establecida polas rúas do centro de Pontevedra.

A proposta naceu nas reunións mantidas na primeira quincena de abril, tanto polo grupo de mariscadores descontentos coa situación económica que se está a xerar desde o cese forzoso de actividade, como os encontros de traballo das primeiras xornadas de mes, nos que se constatou o escaso crecemento da ameixa e o nivel de produción da ría, totalmente mermado por mor da situación xenerada no outono, que levou a ampliar oficialmente o cese ata os seis meses, deixando a data de regreso ao traballo para o mes de xullo.  Esta convocatoria está aberta a mariscadores e mariscadoras das outras rías afectadas por esta mesma situación, nomeadamente a de Vigo, onde as agrupacións de a pé de Arcade, Redondela e Vilaboa tamén tiveron mortandade, e as de Arousa. O texto co que os mariscadores e mariscadoras se están a convocar pide a "implicación real" das administracións, con medidas como a flexibilización das obrigas fiscais dos afectados polos ceses, a rexeneración real das rías, medidas de apoio; as axudas "dignas, individuais e directas" aos afectados e afectadas e un plan de continxencias "fiable" para o futuro do sector. 

"É unha manifestación constructiva pero firme, que fuxe de calquera intento de politización, exclusivamente por e para os mariscadores a pé. Son benvidos mariscadores a pé de calquera das confrarías da ría de Pontevedra (ou incluso doutras rías, se se dera o encomiable caso)", indican os promotores nun dos textos de convocatoria que se están a difundir.

A manifestación iniciarase cunha concentración diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra ás 10.30 horas e rematará na Subdelegación do Goberno ás 11.45 horas. 

A marcha percorrerá a Avenida María Victoria Moreno, rúa Antonio Taboada Nieto, parque de Campolongo, Praza de Galicia, Andrés Muruais, Daniel de la Sota, rúa Peregrina, Michelena e Praza de España, antes da finalización do evento.

Comentarios