'Matria', de Álvaro Gago, faise coa áncora de ouro do Curtas Armadiña

Poio despediu a IV edición do seu certame de curtametraxes cun recoñecemento para a actriz Eva Fernández pola súa traxectoria

Discurso da actriz Eva Fernández ao recoller o seu premio. RAFA FARIÑA
photo_camera Discurso da actriz Eva Fernández ao recoller o seu premio. RAFA FARIÑA

A peza Matria, dirixida por Álvaro Gago, consagrouse este domingo como a gañadora da Áncora de Ouro, máximo galardón do Festival Curtas Armadiña, que celebrou a gala despedida da súa IV edición nun ateigado Casal de Ferreirós.

Gago, recolleu o premio asignado polo xurado oficial, composto por Pablo Cacheda, Juan de Castro, Laura Doval, María Roja e Pilar Varela para un filme que narra a vida dunha muller cun traballo precario que se refuxia na súa relación coa súa filla e a súa neta como resposta de esperanza ante un presente pouco alentador. A peza engrosa así un currículum cheo de galardóns no que xa figuran o gran premio do xurado do festival de Sundance, así como un premio á mellor curta española na Semana Internacional de Cine de Valladolid (Seminci) ou o premio do Festival Internacional de Cortometrajes de Aguilar de Campoo (FICA).

A Áncora de Prata á mellor curtametraxe, decidida cos votos do público, foi para Noche de Paz, de Santiago Requejo.

Na cuarta edición estreouse o premio CREA á mellor dirección, que recaeu en Juan Galiñanes, director da curta Mariñeiro, por "achegar unha aposta innovadora que mestura a realidade coa ficción na que actor e director se funden co lugar e os habitantes dun xeito auténtico". Este galardón pon o énfase na labor de dirección e conta co apoio da Asociación de Profesionais da Dirección e da Realización de Galicia, que tamén coordinou unha sesión vermú e coloquio na xornada do domingo.

En canto ao resto dos premios, a audiencia gozou do discurso de Eva Fernández, actriz premiada pola súa traxectoria co Premio Especial Curtas Armadiña.

A mellor curta animada foi Areka, de Atxur Animazio Taldea, mentras que o premio para a mellor peza ambiental foi para Tournées, de Israel González.

Ademais, Adrián González foi o director premiado na categoría de mellor vídeo musical en galego, realizado sobre a canción Veleno, de GHZ feat. Hugo Guezeta.

O festival contou este ano co apoio do Concello, da Deputación, da Asociación de Profesionais da Dirección e a Producción de Galicia e de Bodegas Paco&Lola.

Comentarios