Medio século sendo pintoresco

Combarro, unha das vilas máis turísticas da provincia de Pontevedra, é dende hai cincuenta anos Ben de Interese Cultural na categoría de Conxunto Histórico e Pintoresco, condición que lle outorga a máxima protección do patrimonio que se atopa no seu núcleo
A rúa de San Roque onde se atopa o edificio da biblioteca e o cruceiro. RAFA FARIÑA
photo_camera A rúa de San Roque onde se atopa o edificio da biblioteca e o cruceiro. RAFA FARIÑA

A finais deste ano, Combarro cumplirá medio século do seu nomeamento como Conxunto Histórico e Pintoresco. A vila conta cun atractivo turístico, histórico e cultural. A súa arquitectura popular galega do século XVIII envolve ao que pasea polo seu casco histórico. Quen visite Combarro fará un percorrido ao longo da historia do bloque granítico sobre o que se ergue. Entre as moitas edificacións que se poden visitar están a Igrexa de San Roque, as casas mariñeiras, os cruceiros e, como non, os famosos hórreos. Este conxunto histórico e ben nomeado "pintoresco" é un dos reclamos turísticos máis visitados de toda a provincia.

Rafael Vallejo, natural de Combarro é o presidente da Asociación A Solaina e catedrático pola Universidade de Vigo. Escribiu unha guía titulada Combarro, patrimonio cultural de Galicia. Guía de su arquitectura popular y de su historia na que se fai un percorrido pola historia da vila e incide no valor da súa arquitectura.

O nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico foi un proceso longo historicamente

Respecto ao nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico, subliña que "foi un proceso longo" que se levou a cabo durante máis de corenta anos e diversas personalidades foron partícipes do seu curso. Personalidades como, Xosé Filgueira Valverde e o arquitecto Antonio Palacios redactaron nos anos vinte un informe no que reclamaban "que se conserve intacto, con su belleza de pueblo pintoresco".

Outros persoeiros que traballaron a prol da conservación de Combarro foron Sánchez Cantón, Manuel Chamoso Lamas e, posteriormente, a arquitecta Pascuala Campos.

Narra o catedrático na súa guía que durante os primeiros anos do século XX "los paisajistas encontraron en las callejas de Combarro, en sus placitas, en sus hórreos, en sus cruceiros y en su diálogo con el mar, lo pintoresco, esto es, lo digno de ser pintado".

PECULIARIDADES. As súas estreitas rúas levan ao visitante a percorrer, bordeando a costa, todas as construcións de granito que antigamente mariñeiros e campesiños empregaban coma vivenda e tamén como almacén para a colleita. Os hórreos son o elemento arquitectónico máis chamativo do lugar e na actualidade quedan en pé unha trintena deles.

Algunhas das construcións que se atopan na vila están protexidas e contan coa peculiariedade de estaren construídas de granito e non madeira. Unha das que máis chama a atención é a casa onde se atopa actualmente a biblioteca, que conta cun dos elementos máis típicos da arquitectura galega, a solaina, un balcón de pedra que remata en escaleiras e unha balaustrada que se inspira no arte do Barroco.

Tal e como comenta Vallejo na súa guía, Combarro está chea de elementos peculiares así como son os seus cruceiros. Á diferenza dos que se poden atopar no resto de Galicia, nestes as Virxes sempre se atopan mirando cara ó mar e os Cristos sempre cara á terra.

Combarro énchese de espectáculos musicais a partir de mañá

O Concello de Poio ten previsto para mañá, a partir das 20.00 horas na Praza da Chousa de Combarro, un espectáculo musical a cargo de Picadiscos Marifaltri, que se inscribe dentro dos actos de conmemoración do 50 aniversario de Combarro como Conxunto Histórico e Artístico.

Segundo a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), será un espectáculo para toda a familia, pero, especialmente, para os máis cativos. A actividade atópase insctrita no programa ‘Fala Redes’, impulsado pola Rede de Dinaminación Lingüística da Xunta de Galicia. O obxectivo desta cita lúdica é impulsar e promover o uso do galego nos núcleos familiares a través dunna actividade lúdica e cultural.

FESTIVAL MAR DE SONS. Enmarcándose tamén nos actos de conmemoración de Combarro, o Goberno local de Poio xa anunciou que esta semana comezará o Mar de Sons, onde diversos grupos musicais do Concello farán diferentes pasarrúas polo casco histórico de Combarro. A primera cita terá lugar este domingo á hora do vermú e o primeiro grupo que actuará será a Escola de Música Tradicional.

Para as próximas semanas Raquel Rodríguez xa anunciou que actuarán a Charanga 112, a Asociación Vides Novas e a Batucada Queima Tasas, no casco histórico de Combarro.

Comentarios