A mellora da PO-230 contará cun orzamento de máis de 600.000 euros

A Xunta inicia os trámites para acometer as expropiacións de terreos

Tramo do vial autonómico ao que afectarán os traballos. XUNTA DE GALICIA - Obras na PO-230
photo_camera Tramo do vial autonómico ao que afectarán os traballos. XUNTA DE GALICIA - Obras na PO-230

A Xunta de Galicia convoca para o vindeiro 29 de maio aos titulares dos terreos afectados polo proxecto de alongamento e mellora da estrada PO-230, entre os núcleos de Serrapio e Vichocuntín, no concello de Cerdedo-Cotobade, para o levantamento das actas previas á ocupación. Esta actuación, que será impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda, ten por finalidade mellorar a seguridade viaria do treito comprendido entre os puntos quilométricos 12+630 e 14+430 e suporá un investimento da Administración autonómica de máis de 600.000 euros.

Tal e como fixo público onte o Diario Oficial de Galicia (DOG), os propietarios dos terreos afectados polas obras deberán presentarse o martes 29 de maio, entre as 10.30 e as 12.30 horas, no salón de plenos de Cerdedo. O Concello de Cerdedo-Cotobade xa traballou para conseguir a cesión de boa parte dos terreos necesarios para as obras e asumirá o custo das expropiacións mediante a firma dun convenio coa consellería.

Este proxecto, consistente no ensanche e mellora da estrada, afecta a un treito de 1,8 quilómetros, desde o núcleo de Serrapio ata o punto final da estrada, na intersección coa Nacional 541, en Vichocuntín. As obras previstas comprenden a ampliación da calzada ata acadar un ancho de 7 metros (actualmente ten entre 5 e 5,5 metros) e a rectificación de varias curvas para mellorar o trazado da estrada. Actuarase, ademais, na drenaxe da plataforma, prevendo tamén o tendido e revestimento das gavias de seguridade.

A maiores, está previsto construír muros de contención nos puntos necesarios e renovar a sinalización horizontal, vertical e de balizamento. Con estes traballos mellorarase a seguridade viaria e a comodidade na circulación dos usuarios desta vía.

Deste xeito, darase resposta ás demandas que se viñan realizando nesta zona.

Comentarios