A mellora do vial de Almofrei poderá estar completa nun prazo de seis meses

O presidente provincial, Luis López, acudiu co alcalde á parroquia cotobadesa a presentar o proxecto
O presidente e o alcalde no encontro cos veciños, ao que asistiu parte da Corporación. DP
photo_camera O presidente e o alcalde no encontro cos veciños, ao que asistiu parte da Corporación. DP

As obras da estrada provincial de Almofrei, en Cerdedo-Cotobade, xa son unha realidade e o Goberno local e a Deputación explicaron este venres á veciñanza o proceso que se desenvolverá para a reconversión deste vial nunha estrada máis moderna, con sendas peonís e plataformas de convivencia.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde, Jorge Cubela, acudiron a este encontro no que o primeiro deles destacou a vocación municipalista do Goberno provincial e a importancia da colaboración entre institucións para mellorar as infraestruturas da provincia como o é a citada estrada provincial EP-0405 entre Xesteira e Almofrei, que están sendo obxecto dunha obra de ampliación e mellora da seguridade viaria ao longo dun treito de 1,5 quilómetros. "Este tipo de obras é unha desas iniciativas que dan sentido á acción de goberno da Deputación", afirmou López, facendo referencia ao cumprimento das responsabilidades do organismo provincial de garantir o bo estado e a seguridade viaria das estradas da súa titularidade,

Os traballos, que comezaron hai menos dun mes e deben estar rematados nun prazo de seis, consisten no ancheamento e mellora da seguridade viaria dun treito de 1,5 quilómetros entre os núcleos de Xesteira e Almofrei. Para logralo, o proxecto contempla a ampliación do ancho da vía ata un mínimo de sete metros e a implantación de beiravías e cunetas transitables, así como a creación de zonas de convivencia á altura de dous núcleos con casas coa instalación dunha plataforma sobreelevada de formigón coloreado. Do mesmo xeito, colocaranse elementos de calmado de tráfico, soterraranse as redes de pluviais e de alumeado e haberá nova sinalización.

A actuación conta cun orzamento total de 950.000 euros, dos que o goberno provincial achega o 70%, arredor de 665.000 euros.

Comentarios