A memoria antiempacadora, desta vez, vista cos ollos doutras loitas

▶ Gran asistencia ao acto do 25 aniversario do movemento contra a planta de lixo
Asistentes ao evento. B.CÍSCAR
photo_camera Asistentes ao evento. B.CÍSCAR
Vilaboa2
Os ponentes no encontro. B. CÍSCAR

Os 25 anos do movemento contra a empacadora de lixo que Sogama e a Xunta proxectaban nun terreo entre as parroquias de Bértola e Figueirido celebráronse o sábado en Figueirido, na Casa da Cultura, nun concurrido acto no que se pretendía promover a reflexión sobre o labor realizado pola veciñanza durante a loita social contra a amenaza que supoñía esta dotación para as poboacións que a arrodeaban. Empacadora Non!, organizou unha xornada na que interviñeron a xornalista Paz Castro, integrante de Monte Pituco, o colectivo morracense; ademais de Gonzalo Sancho, presidente de Vaipolorío; Calros Solla, de Capitán Gosende e Os Chichisos, un colectivo musical e etnográfico con raigame vilaboesa e recuperador de tradicións de todo tipo en toda a xeografía galega.

O acto, que estaba previsto para celebrarse no Campo de Río de Bois, onde, co gallo do décimo aniversario desta loita se implantou un monolito, contou con gran asistencia de público.

O movemento veciñal Empacadora Non! xurdíu a raíz da decisión da Xunta de implantar un destes elementos para procesar e trasvasar o lixo de Vigo e Pontevedra nun punto entre as dúas cidades, e que foi promovido polo Goberno local do PP neste municipio sen contar con respaldo social. A loita tivo unha parte xudicial, contra os actos desenvoltos polo Concello e a legalidade urbanística, outra política, cargando contra o PP, que gobernaba nos tres concellos implicados, e unha terceira social, desenvolta polos veciños e veciñas realizando protestas públicas contra a decisión política, presionando aos concelleiros locais do PP para que abandonaran a causa, e, sobre todo, buscando vías de financiación para un movemento que durou anos e que chegou a Bruxelas. "A loita frente á empacadora fíxose coa forza de todo un pobo", afirmou no acto a periodista Paz Castro. A memoria deste fito e da capacidade colectiva para protexer o entorno é o que debe ser preservado, defende Xose Feijoo, dos Chichisos e de Empacadora Non.

 

Comentarios