Cinco meses de propostas para celebrar as vodas de ouro de Combarro co seu Conxunto Histórico

As propostas culturais e sociais comezaron neste mes de xullo co concerto da Banda de Clarinetes de Vilagarcía e se prolongarán ata novembro
Concertonda banda de clarinetes. A.L.
photo_camera Concertonda banda de clarinetes. A.L.

No ano 1972 producíase o nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico. Para conmemorar o medio século desa data de referencia para Poio, o Concello anunciou diferentes actividades lúdicas, pensadas para xente de todas as idades, que axuden a poñer en valor a tradición e a historia dunha localidade que segue a ser un exemplo pola súa arquitectura tradicional e que tivo que acompasar o seu presente ao feito de ser un dos lugares favoritos dos visitantes que elixen Galicia cada ano. As áreas de Cultura, Deportes e Normalización Lingüística son as que programarán estas propostas culturais e sociais, que comezaron neste mes de xullo co concerto da Banda de Clarinetes de Vilagarcía e se prolongarán ata novembro.

As concelleiras responsables destes departamentos, Raquel Rodríguez e Marga Caldas, adiantaron xa varias das citas dos vindeiros cinco meses. Nestas semanas xorden iniciativas como Mar de sons. Esta é unha ruada musical, na que "terán protagonismo agrupacións musicais de Poio e que se celebrará de xeito periódico ao longo de todo o verán, con percorridos polo casco histórico", tal e como explicou Rodríguez.

Ademais, o vindeiro día 14 tamén terá lugar a primeira sesión de FalaRedes, unha actividade de animación para o público familiar, que chega a través da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta, co espectáculo O Tranvía Leonardo que se completará o día 21 con Picadiscos Marifaltri; ambos na Praza da Chousa.

Xa en agosto, o sábado día 6 no espazo natural colindante coa Ermida da Renda, acollerá o espectáculo de danza Bailando a Terra, coa compañía Galicia en Danza de Baiona e en colaboración coa Deputación. Neste mes tamén cobrará un especial protagonismo o deporte, co Campionato do Mundo de Vela da clase Vaurien Worlds 2022, o xoves 11 de agosto, coa participación de preto de 200 regateiros de diferentes países.

O domingo 21, pola súa banda, estréase a I Volta a Nado Illa de Tambo. O prazo de inscrición abrirase nos vindeiros días.

Ese mesmo día, a Praza da Chousa será escenario do espectáculo de maxia Galicia Ilusiona, que traerá a Poio ao Mago Paco, e que se inclúe dentro da programación do Xacobeo 2021-2022. Previamente, o domingo 14, a Praza da Rualeira acollerá o concerto da Ukestra do Medio, ás 21.30, unha actividade que tamén chega a través do FalaRedes.

Na Oficina de Turismo de Combarro, na Escola do Campo, durante ese mes poderá visitarse a exposición Matriarcas, que rende homenaxe ás mulleres que adicaron boa parte da súa vida a traballos relacionados co mar. Xa en setembro, o día 22, a sede da Comunidade de Montes Rega dos Agros de Combarro acollerá a presentación do libro Tambo. La isla en el tiempo, de José Manuel Pidre Novás, no que se aborda a historia e evolución desta paraxe.

Unha vez comezado o curso escolar, tamén se contemplan actividades co alumnado dos centros educativos do municipio. Esta programación vivirá un gran peche a fin de semana do 18 e 19 de novembro, cando se cumprirán 50 anos do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico.

Comentarios