O mestre, músico e "animador de balcón" Johnny Güimil será pregoeiro da Festa do Viño

O Concello de Barro retoma a programación da súa celebración máis senlleira tras dous anos de restriccións
Güimil, nunha imaxe de arquivo. GONZALO GARCÍA
photo_camera Güimil, nunha imaxe de arquivo. GONZALO GARCÍA

A cita festiva máis emblemática de Barro, a Festa do Viño, deixará atrás o parón da pandemia definitivamente dentro de pouco máis dun mes. O Concello anunciou este mércores que o viño volverá protagonizar a semana grande Barro os días 16, 17, 18 e 19 de xuño, cunha programación cultural e festiva na que non faltarán os grandes fitos de outros anos.

Nos vindeiros días o Concello irá dando a coñecer a programación da XLIII edición do festexo e da cata gastronómica, aínda que adianta un dos datos máis celebrados da xornada: o mestre, músico local e dinamizador social Johnny Güimil será encargado do pregón. O Concello prevé que co retorno da celebración,retornará tamén a promoción e degustación dos viños de Barro e do conxunto da D.O. Rías Baixas..

Así, volveranse celebrar tanto o Certame Rías Baixas, onde se escollerán os mellores viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, como o concurso de viños caseiros.

Ademais, o Concello e as adegas e hostalaría locais xa están traballando nunha campaña de promoción dos viños de Barro similar á que se celebrou o pasado ano «e que que obtivo unha resposta excepcional por parte do público», indica o Concello, resaltando a importancia que tivo esa iniciativa para manter vivo o espíritu da festa e dinamizar a economía local.

O pregoeiro, Johnny Güimil é mestre e moi coñecido pola súa faceta pública de músico, ao ser impulsor de Son das tabernas e participar activamente en outras iniciativas e certames, como os de murgas de Entroido, nos que concorre con Os do Val do Lérez. Máis aló destas actividades, o seu humor foi un dos sustentos para todos os veciños da rúa Baladas e do centro urbano de Barro durante a pandemia. Nos dous meses de confinamento, Güimil adoptou o rol de "animador de balcón" e pinchou música para todo o vecindario, ademais de participar en distintas "festas de terraza" ideadas polos veciños nesa dura etapa.

Na súa faceta solidaria, como dono da furgoneta 'a Taberneta', impulsou dúas recollidas de alimentos nos últimos anos para que Servizos Sociais os repartira entre os veciños e veciñas en situación de emerxencia social.

Comentarios