domingo. 19.09.2021 |
El tiempo
domingo. 19.09.2021
El tiempo

"A metade da poboación da Escusa queda dentro da liña poligonal dos eólicos"

undefined
Vista ao monte do Castrove dende Poio. DP
A plataforma contra o parque eólico do Castrove convocará unha xuntanza veciñal informativa o vindeiro mércores na explandada da Seca

A alarma e o descoñecemento da veciñanza sobre o proxecto do parque eólico do Castrove, que se atopa en fase de avaliación ambiental, non fixo máis que medrar nas últimas horas. A plataforma de recente creación Non ao parque eólico do Castrove alerta de que o prazo para presentar alegacións finaliza o vindeiro 18 de agosto, e que "a xente ten que saber os pros e os contras" dunha instalación que, asegura unha das súas voceiras, Merce Carramal, fai que "a metade da poboación da Escusa quede dentro da liña poligonal dos eólicos", polo que as propiedades "devaluaranse ata nun 50%".

Neste sentido, advirte, "esta zona pasaría a ser industrial e non se podería adicar ao uso gandeiro nin agrícola, e é un lugar que ten viñedos cerca, ademais de quedar afectada polo ruido e as vibracións do parque".

Co obxectivo de "informar á veciñanza", a plataforma convocará unha xuntanza fixada para o vindeiro mércores, 4 de agosto, ás 21.00 horas, na explanada da Seca. "É importante que os veciños saiban que é o que van instalar tan preto das súas casas", nunha zona na que, asegura, "hai moito en xogo".

Refírese aos "humedais protexidos que hai nese monte, ademais dos restos dunha ermida, uns petróglifos próximos e a igrexa da Escusa, que quedaría dentro da actividade poligonal, xunto aos manantiais de auga que alimentan á poboación de alí, polo que farían unha desviación dos acuíferos. Temos o antecedente do monte do Seixo, no que se estropeou todo", afirma Carramal.

Por outra banda, dende a plataforma advirten que "para transportar a enerxía producida construiranse liñas de alta tensión, que non sabemos por onde van ir. O monte é un ben de todos que debemos coidar, e a instalación destes parques conlevan o deterioro do monte e das traídas de augas, ademáis da perda de vexetación e fauna salvaxe. Vai afectar negativamente ao benestar das persoas que residen nas poboacións próximas, causar danos irreversibles á flora, fauna e tamén impedir o aproveitamento e goce de todas as persoas deste espazo, que conta cunha grande riqueza natural e patrimonial".

Nas últimas horas, dende a plataforma poiense, que agarda estender o seu ámbito de actuación aos demais concellos afectados polo parque eólico do Castrove, estase a levar a cabo unha intensa campaña informativa, e confían en que «as comunidades de montes se posicionen a favor do benestar de toda a poboación e do monte, que é un ben moi preciado que queremos que gocen as seguintes xeracións".

Para facilitar as xestións á veciñanza interesada en alegar, tal e como explicou Carramal, dende a plataforma atópanse traballando para establecer diferentes puntos do concello nos que a veciñanza poida recoller e asinar follas de alegacións para presentar ante a Xunta, así como unha recollida de sinaturas para dirixir ao Concello e ao ente autonómico.

"Queremos que a xente se informe ben e que saiba o que está a pasar, porque fixeron este proxcto de tapadillo, e se nos descoidamos pasa o mes de alegacións, e entón non poderiamos facer nada ao respecto", aseguraron.

XUNTANZA EN MEIS. A plataforma Non ao parque eólico do Castrove estará presente na reunión que se celebrará durante a noite de hoxe en Meis, e á que asistirán representantes das comunidades de montes e dos Concellos afectados polo proxecto do Castrove, a fin de abordar a situación e tratar de chegar a un posicionamento ao respecto.

O Pleno de Cerdedo-Cotobade chegou a consenso para aprobar unha moción conxunta contra o parque eólico de Os Cotos, despois dun desacordo inicial polo que o BNG pretendía presentar unha moción que os outros dous grupos consideraron "traída a Pleno fóra da Comisión de Seguemento e que poñía en serio risco a unidade de acción conseguida e impulsada por consenso de veciños afectados, comunidades de montes e os tres grupos políticos do Concello», e que tacharon de «deslealtade".

Pola súa parte, o voceiro do BNG, Ernesto Filgueira, cedeu a un acordo que "recolle os puntos da moción do PP", que supoñen unha declaración institucional firme contra o parque, publicar a exposición pública no antigo Concello de Cotobade en 2013 do proxecto orixinal promovido pola empresa Tiraventos S.L., pedir información á Xunta e custear os gastos xurídicos á veciñanza.

O alcalde Jorge Cubela, reiterou de xeito contundente o seu "rexeitamento frontal e institucional" ao parque eólico dos Cotos, que pretende instalarse en Borela, e que, aínda que non está en exposición pública considérao "dañino contra os intereses dos veciños e dos lugares que se podería ver afectados".

"A metade da poboación da Escusa queda dentro da liña poligonal dos...
Comentarios
ç