Milladoiro, Marbella e París de Noia, entre os atractivos da Festa de Fátima de Campelo

Os festexos parroquiais dan inicio este venres co concerto do grupo folk e terán tamén moito deporte, lecer diurno e misa solemne, o sábado 13
Fatima POIO
photo_camera Presentación das Festas de Fátima en Campelo. D. P.

As Festas de Fátima serán a próxima cita lúdica que se celebrará en Poio. O evento conta  cun amplo programa no que colabora o Concello e que se desenvolverá entre o 12 e o 16 de maio. Entre os puntos nos que o Concello coopera con esta comisión veciñal está o peche, o martes 16, da programación, con París de Noia e Los Coleguitas, que forman parte do ciclo Primavera en Poio.  

O edil de Festexos, Xosé Luís Martínez, a Comisión de Festas, e as edís Marga Caldas e Raquel Rodríguez, acudiron á presentación do programa, que se iniciará este venres ás 22.00 horas cun concerto de Milladoiro, ofrecido pola Xunta de Galicia. O sábado 13, desde primeira hora iniciaranse as alboradas con protagonismo para colectivos locais como Vides Novas e a Escola de Música Tradicional de Poio. Pola tarde, ás 17.00 horas, comezará a Maratón de Fátima, organizada pola Asociación de Veciños de Campelo e a Concellería de Deportes, e que xa conta con máis de 200 participantes, manténdose aínda abertas as inscripcións.  

Ás 19.30 horas, terá lugar a misa solemne na honra da patroa, cantada polo Coro Virxe de Fátima de Campelo, cunha procesión posterior na que tomará parte a Banda de Guerra da Brilat. Esta xornada finalizará cunha gran actuación a cargo da Orquestra Marbella.

O día grande será o sábado, con misasolemne  ás 19.30 horas

Con respecto ao domingo 14, outra das citas máis agardadas será ás 11.00 horas, coa Andaina Popular organizada pola Asociación de Veciños e a Concellería de Deportes. As inscricións poderanse facer desde media hora antes da saída, fixada na Praza da Granxa. Ao longo da mañá amenizarase a xornada cunha actuación a cargo das Pandeireteiras do Ronsel e tampouco faltará a animación infantil. O Grupo Rever encargarase da sesión vermú.

O martes 16 pecharase o programa Primavera en Poio con París de Noia e Los Coleguitas. A organización informa de que o aforo será limitado no caso deste concerto.

Comentarios