jueves. 29.10.2020 |
El tiempo
jueves. 29.10.2020
El tiempo

Mina Alberta I, o proxecto que une na súa contra a veciños de dúas provincias

Presqueiras, en Forcarei, onde a explotación sería a ceo aberto. C.SOLLA
Presqueiras, en Forcarei, onde a explotación sería a ceo aberto. C.SOLLA
Activistas de Avión e Beariz colaboran cos de Cerdedo-Cotobade, A Lama e Forcarei para alegar contra o plan de extracción de coltán

Chámase Mina Alberta e está sendo tramitada desde a delegación territorial de Ourense, pero este proxecto extractor ten tantos intereses e afeccións nos concellos aurienses como nos dominios de algúns dos pontevedreses, motivo polo cal, unha plataforma veciñal e cidadá recolecta alegacións aos dous lados do límite provincial para demandar, en primeiro lugar, que a Xunta obrigue á empresa solicitante a realizar a Avaliación de Impacto Ambiental para o plan, algo que, ata o momento, non se lle esixiu.

En segundo lugar, o colectivo veciñal denominado SOS SuídoSeixo, que engloba a activistas de Avión, Beariz, A Lama, Forcarei e Cerdedo-Cotobade, pide á Xunta que denegue a concesión, polo importante e visible impacto que terá nunha zona que, se ben non forma parte da Rede Natura, está arrodeada por espazos protexidos dentro das serras do Cando e do Suído.

O proxecto da Mina Alberta aspira á explotación de 60 cuadrículas mineiras, o que veñen sendo unhas 1.700 hectáreas, para a extracción de diversos minerais nos municipios de Avión (parroquias de Baiste e Couso), Beariz (a propia Beariz e Xirazga), Forcarei (San Miguel e Couso, así como Santa María de Presqueirsa), A Lama (Barcia do Seixo e Seixido) e Cerdedo (Cerdedo e Folgoso). Unha das entidades que se fixaron no proxecto e se opoñen a el é a Sociedade Galega de Historia Natural. Outras, os colectivos, Contraminacción, Ecoloxistas en Acción, o Sindicato Labrego ou Verdegaia.

Asemade, a asociación Capitán Gosende, que documentou en todo o territorio ata cen estacións arqueolóxicas e megalíticas, ademais dos espazos protexidos como humidais, carballeiras e hábitats autóctonos, sinala o dano que pode supor o avance desta concesión. "De feito, hai proxectos de investigación Alberta II e Alberta III, o cal nos fai temer que os danos da explotación sexan maiores", di o seu voceiro, Calros Solla.

A plataforma SOS Suído Seixo fai un chamamento a toda a cidadanía para que se informen sobre este proxecto e presenten alegacións coas que forzar a un proceso de avaliación ambiental no que se porían de relevo os riscos que xeneraría a mina. As alegacións poden presentarse ben pola xanela electrónica, ben nas sedes provinciais da Xunta ou nos concellos afectados. SOS Suído Seixo fará o venres a súa propia presentación de alegacións, no Consistorio da Lama ás 10.30 horas.

Mina Alberta I, o proxecto que une na súa contra a veciños de dúas...
Comentarios