Moldes asegura que "as débedas do tripartito" quedarán pagadas este mes

A corporación do Concello de Poio aprobou por unanimidade contratar un préstamo con Abanca por importe de 723.804,64 euros
Ángel Moldes, o alcalde do novo goberno local de Poio. DP
photo_camera Ángel Moldes DP

O Pleno da Corporación de Poio aprobou onte por unanimidade contratar un préstamo con Abanca por importe de 723.804,64 euros, ao ser a mellor oferta presentada. Segundo explicou o alcalde, Ángel Moldes, a maior parte destes cartos destinaranse a intentar saldar as débedas cos provedores e autónomos canto antes, a maior parte deles veciños do municipio, e o resto do préstamo utilizarase para comprar a antiga gardería de Campelo.

"Seguramente a mediados de novembro seremos capaces, entre este préstamo e modificacións de crédito que estivemos facendo, de ter pagado con moito esforzo entre 600 ou 700 mil euros desas débedas que deixou o tripartito. Aínda así, van quedar preto de outros 500.000 euros en facturas sen pagar. E o 90% desas facturas pendentes son do exercicio anterior, e o resto, de partidas que deixaron esgotadas no mes de xuño". A maiores desas facturas sen pagar, explicou que van quedar pendentes tamén obras para as que non se fixeron as modificacións correspondentes, "chapuzas que herdamos e que agora temos que abonar con moitos problemas. E aí están os informes técnicos".

Nesta liña, o alcalde valorou que para o novo Goberno "o máis fácil sería non pagar nin aos provedores nin aos autónomos e meter todas estas facturas na Fiscalía, como fixeron outros concellos, pero esta decisión provocaría que estivese dous ou máis anos sen cobrar, ou que incluso non cobrasen. Pero neste goberno somos responsables con eles, e si solicitamos este préstamo é por coherencia, porque temos que pagar os pufos que deixou o tripartito".

No Pleno tamén se aprobou unha modificación de crédito para destinar 12.910,70 euros a reparar a cuberta e abrir ocos de ventilación no pavillón polideportivo do CEIP de Lourido.

Comentarios