O Goberno de Ángel Moldes considera superada a primeira proba do mandato, tras cumprir os cen días do mesmo. O alcalde, Ángel Moldes, valora positivamente este primeiro tramo do seu equipo, no que o principal condicionante foron os fondos económicos.
"Poio ten hoxe un Goberno único, cohesionado e que está centrado exclusivamente no importante, que é atender e responder ás necesidades e prioridades de todos os veciños", sinala. Un Goberno que, indica, "a pesar da difícil herdanza económica que recibiu, en tres meses desbloqueou e puxo en marcha medidas e iniciativas importantes e necesarias, pero tamén está convertendo ao concello nunha administración máis próxima, áxil e dialogante".
En canto ás medidas, Moldes sinala que, a pesar de contar con practicamente todas as partidas do orzamento esgotadas, comezaron a cumprir xa con algúns dos seus compromisos. Así, xa se están dando os primeiros pasos para converter a Gardería de Campelo nun Centro de Día, e asinouse un acordo histórico coas confrarías para aumentar as prazas de aparcamento no Porto de Combarro, e tamén se desatascou o proxecto para crear máis de 150 prazas na parcela de Coca Cola.
A nivel turístico, o rexedor salienta que están tomando as primeiras accións pola sustentabilidade e desestacionalización do turismo, cun compromiso tamén do Goberno galego coa posta en valor da Illa de Tambo. Un compromiso que tamén se estende á Escola de Canteiros de Poio, para convertelo nun centro integral de FP nacional e internacional.
Débedas
O alcalde destaca o "exercizo de responsabilidade", feito para pagar as facturas a autónomos e pequenos empresarios, moitos deles de Poio, que o tripartito no caixón, e que segundo a auditoría interna feita polos funcionarios municipais ascende a un millón de euros.
Do mesmo xeito, puxeron en marcha un plan de choque para desbloquear os máis de 600 expedientes urbanísticos que estaban sen resolver en xuño, así como para axilizar e desbloquear outros expedientes municipais, como a autorización de vaos permanentes ou de prazas para persoas con mobilidade reducida.
Con respecto á controversia que xenera a xestión desta débeda, o rexedor valora que á oposición, "non lles gusta que falemos da herdanza económica que recibimos, pero é fundamental porque está condicionando todo o labor deste Goberno. Non contar con partidas nos orzamentos está limitando a xestión municipal nos últimos seis meses do ano".
"A herdanza económica que recibimos é fundamenta, porque está condicionando o labor do Goberno"
Moldes tamén lembra que este Goberno "salvou" o proxecto para rehabilitar o Centro Social de Arén. "Os fondos europeos estaban en risco, porque non había partida orzamentaria para facer fronte á parte que tiña que asumir o concello e porque, ademais, se estaban incumprindo todos os prazos". E, ademais, engade que tamén evitaron perder a subvención da reforma en Ramón Encinas e conseguiron que os negocios puideran traballar no mes de agosto cun mínimo de normalidade sen perder a campaña de verán.
Entre outras actuacións realizadas nestes meses, Moldes enumera as obras de mantemento en todos os centros escolares; os traballos de desbroce, a limpeza e desinfección de rúas; asegurar os servizos de saneamento, coa reparación do colector de Combarro; a posta a punto das praias, ou mellora dos accesos; a colaboración permanente con colectivos, asociacións e clubs locais; ampliar ás mañás a apertura do ximnasio municipal da Seca; e mellorar o miradoiro de Fronteira.
Outro dos retos que asumiu o Goberno local foi a necesidade de organizar as festas do verán, coa maior parte dos actos sen concretar e sen partida económica. Por último, avanza que nas próximas semanas darán a coñecer medidas novas en materia de urbanismo e turismo, e xa comezaron a traballar no orzamento para 2024.