Por monte, mar, río e cidade: 15 días sen novas de Manuela Barbosa

Os labores de busca céntranse nas marxes e fondos do Verdugo e na ensenada de San Simón, e consideran tamén Vigo e Pontevedra
A Guardia Civil no seu operativo esta fin de semana. GC
photo_camera A Guardia Civil no seu operativo esta fin de semana. GC

Nada menos que 15 días súmanse xa dende que Manuela Barbosa Sousa, de 66 anos, supostamente fora vista por última vez na zona do restaurante Avenida de Arcade (Soutomaior), tras apearse dun taxi. A muller, á que os voluntarios de Protección Civil de Soutomaior, coordinados coa Garda Civil e a Policía Nacional, non deixaron de buscar nin un só día dende entón, acudira ao municipio dende a súa residencia habitual, en Redondela, tal e como facía habitualmente, por motivos familiares. O CIAE 112 activou a busca na madrugada do pasado 14 de xullo e, dende as últimas semanas, sumáronse agrupacións de voluntarios de Redondela, Marín, Poio, Oitavén-Tea, Moaña ou Cerdedo-Cotobade, para seguir o seu rastro de xeito activo polo monte, polo río, a ría, e os núcleos urbanos e rurais do entorno de Arcade, sen grandes resultados.

Se ben os labores de busca céntranse nas últimas horas nas marxes e fondos do río Verdugo e a parte alta da ría que pertence á ensenada de San Simón, a Garda Civil mantén aberta unha investigación na que, aínda que se incide na zona de Arcade e Soutomaior, non se descarta ningunha hipótese. Neste sentido, a Garda Civil despregou esta fin de semana un operativo integrado por efectivos de Seguridade Cidadá, Seprona e Escuadrón de Cabaleiría, que contaron co apoio dun can de busca de persoas da Unidad Cinológica Central da Garda Civil, con base en Madrid.

Dende a pasada semana, o consentimento do xuíz para levar a cabo a triangulación do teléfono móbil da desaparecida permitiu establecer un perímetro entre Arcade, Ponte Sampaio, Paredes e a entrada a Redondela por Soutoxuste, tal e como informou o xefe de Protección Civil e concelleiro de Seguridade de Soutomaior, Carlos Bas, se ben corresponde a unha área "de moitas hectáreas de extensión", na que polo momento "non hai resultados". Á dificultade para estreitar o perímetro contribuíron as características do teléfono de Manuela Barbosa, un modelo antigo co que non foi posible precisar a súa ubicación ao nivel dun "smartphone", polo que os sinais obtidos a través das antenas de repetición están "separados por varios quilómetros". Neste sentido, nas vindeiras horas agárdase a chegada dende Madrid dun equipo tecnolóxico que permita localizar mellor o sinal.

Ademais, este martes está previsto que se incorpore á busca un equipo de buzos da Garda Civil para poder acceder a algunhas pozas ubicadas en "zonas complicadas" do fondo do río. Nas últimas horas, e aproveitando a baixamar, un factor de grande relevancia en canto á busca por auga, engadíronse ao operativo tres embarcacións de Protección Civil. Prevese que os labores de busca activa nas marxes do Verdugo e na parte alta da ría se prolonguen un par de días, a pesar de que "apenas quedan lugares onde buscar en todo o pobo. Esta área está totalmente peiteada e, a falta dalgunhas zonas máis complicadas, case se pode descartar", avanzou o concelleiro de Seguridade e xefe de Protección Civil de Soutomaior.

Á marxe das pistas obtidas a través do sinal do teléfono móbil, os labores de busca consideran tamén a área de Vigo e Pontevedra. Dende a Garda Civil aclararon que, aínda que a denuncia foi interposta en Redondela, e centralízase en Arcade e Soutomaior, sempre se tivo en conta un "radio ampliado".

Familiares de Manuela Barbosa anunciaron a través das redes sociais unha próxima pegada de cartelería "por iniciativa propia" en Pontevedra e Marín, e aseguraron que comezarán a buscala en "comedores sociais, refuxios, albergues para persoas sen recursos e outros lugares", ante a recomendación de "expandirse a máis áreas".

Comentarios