Mozos e mozas do IES de Poio aprenden sobre a regra coa axuda de persoal sanitario

O centro programou unha actividade para avanzar en igualdade creando coñecemento sobre un tema que "aínda é tabú en moitas casas"
Unha das sesións celebradas este martes no IES de Poio, coa pediatra e a matrona para falar da regra. DAVID FREIRE
photo_camera Unha das sesións celebradas este martes no IES de Poio, coa pediatra e a matrona para falar da regra. DAVID FREIRE

Os cambios que suceden no corpo cando se ten a regra son, desde este mes, parte das temáticas que se poden aprender e analizar cando eres alumno ou alumna do IES de Poio e son impartidos do mesmo xeito para todos: mozos ou mozas.

Este é o novo chanzo de igualdade acadado polos e polas docentes deste centro, que neste curso levou por primeira vez ao alumnado dos catro cursos de Primeiro de Eso unhas xornadas teóricas específicas sobre a menstruación. Na semana pasada acudiron a este pequeno seminario os e as rapazas dos primeiros A e B e nesta quenda foron os de C e D.

O obxectivo das sesións é mellorar o coñecemento que o alumnado ten sobre o ciclo menstrual desde o punto sanitario, hixiénico e incluso ecolóxico. O profesorado contou coa pediatra Lucía Hermida e a matrona Begoña Lorenzo, do centro de saúde de Anafáns de Poio, e co farmacéutico Mauro Carrillo Val da Farmacia de Campelo.

Todos eles contribuíron a xerar un ambiente didáctico e construtivo en torno a un tema que os propios docentes do centro consideran que "segue sendo tabú nalgunhas familias" e para o cal defenden que é fundamental estar preparados e preparadas con coñecementos, que son necesarios "para as rapazas, pola importancia que a mestruación ten na súa saúde e autocoñecemento e para os rapaces para comprender mellor as súas compañeiras e crear así un clima de respecto mellorando a convivencia".

Os e as docentes notaban que para o alumnado este segue a ser un tema do que non falar en público, feito que contrasta moito con que entre a mocidade se aprecen signos de que coñecen o porno, algo que se pon en evidencia "cando o alumnado fala de prácticas sexuais e fai comentarios que non son propios da súa idade".

Para crear unha nova barreira de coñecemento coa que protexer ao alumnado dos efectos desa tendencia, naceu esta actividade que se desenvolveu coincidindo co Día Internacional da Saúde da Muller e a Hixiene Menstrual. A proposta "conecta cos valores que defende o centro, igualdade e sostibilidade, xa que permitiu que as rapazas coñeceran produtos de hixiene menstrual máis respectuosos co medioambiente que as tradicionais compresas e tampóns, como son as bragas e copas menstruais".Grazas á participación do profesional farmacéutico e sanitario, as participantes levaron unha copa menstrual. As alumnas tamén recibiron un kit de compresas e tampóns facilitado polo programa educativo sobre a adolescencia de Evax.

Ademais, contaron con elementos cos que poden seguir profundizando no autocoidado e coñecemento, como un diagrama menstrual que se lle proporcionou e no que tomar nota dos días de sangrado de factores relevantes.

No centro amósanse moi satisfeitos coa aceptación amosada nesta actividade que xa está entre as que probablemente se repitan no curso que vén. Do mesmo xeito, agradecen a implicación demostrada polo persoal sanitario que colaborou coa proposta.

Comentarios