Nace PoioMostra, a primeira feira multisectorial para pór en valor o comercio de Poio

Celebrarase esta fin de semana, desde o venres na explanada da Seca e contará con 60 comercios, na súa maioría do municipio

A presentación da feira tivo lugar no salón de plenos do Concello, este martes. D.P.
photo_camera A presentación da feira tivo lugar no salón de plenos do Concello, este martes. D.P.

A veciñanza de Poio contará, desde esta fin de semana, cunha nova cita para poder coñecer e apoiar o seu comercio, da man da feira multisectorial Poio Mostra, organizada pola asociación de empresarios e comerciantes locais EnPoio e cooperación co Concello.

O alcalde, Ángel Moldes, e a presidenta de EnPoio, Loli Otero, presentaron o evento, xunto os concelleiros de Festexos e Eventos, Fran Da Silva, e de Promoción Económica, Maritxe González, así como doutros membros da directiva da asociación empresarial.

A feira contará principalmente con expositores locais, aínda que se abre tamén a outros comercios e propostas chegados de diferentes municipios. Hai uns 60 establecementos que estarán presentes, representando a distintos sectores entre os que se inclúe tamén unha pequena exposición de turismos de ocasión.

Ángel Moldes sinalou que "é un evento moi importante como punto de encontro, para dinamizar a economía local e para poñer en valor todo o tecido empresarial do municipio. Ademais, permitirá amosar á veciñanza e visitantes toda a oferta e produtos que poden atopar no noso municipio, no pequeno comercio, sen necesidade de desprazarse para facer moitas das súas compras".

O alcalde destacou que, polas súas características, en Poio, moitas veces os propios veciños descoñecen que teñen determinados comercios ou produtos "sen ter que saír do Concello ou mesmo da provincia" para conseguilos.

Ao mesmo tempo, dixo que tamén suporá que moitos dos comercios de fóra do municipio que van estar en Poio Mostra "terán a oportunidade de comprobar si o seu produto ten saída no noso concello e, quizais, valorar a posibilidade de implantarse aquí".

Pola súa banda, Loli Otero, sinalou que a convocatoria foi un éxito: en menos de unha semana reserváronse todos os stands que tiñamos dispoñibles e se houbera habido máis espazo viría máis xente". Deste xeito, a asociación confía en que a iniciativa "contribúa a poñer o comercio local no mapa e convertela na feira de referencia en primavera".

Nesta liña, indicou que "este tipo de eventos atrae moitísima xente. Os invernos son difíciles para o pequeno comercio, así que a intención é poñer a Poio no mapa". Así, sinalou que os visitantes atoparán unha ampla variedade de tendas de moda, zapaterías, decoración, produtos gourmet, servizos, agricultura e artesanía.

Comentarios