domingo. 07.03.2021 |
El tiempo
domingo. 07.03.2021
El tiempo

'Nel' e o seu soño da nenez: "O meu é un Belén permanente, forma parte da casa"

José Manuel Martínez, xunto ao seu Belén artesanal. GONZALO GARCÍA
José Manuel Martínez xunto ao seu Belén artesanal. GONZALO GARCÍA
Un veciño do Sartal leva 12 anos confeccionando un Belén artesanal con elementos reciclados
As casiñas que desprenden unha luz cálida polas ventás están feitas, na súa maioría, das canas que caen ao chan cando estouran os foguetes nas festas. Tamén ten un río, un bonito camiño e un muíño, do que José Manuel Martínez Estévez 'Nel', veciño do lugar poiense do Sartal, se sinte especialmente orgulloso. "A roda fíxena eu", aclara. Así é o Belén que ten disposto, de xeito permanente, na súa propia casa, e ao que cada Nadal, pouco a pouco, lle engade algunha peza máis. "Este ano, a novidade é parte dunha montaña", conta. Pero, ademais de ser o seu grande proxecto, o Belén de Nel é, ante todo, un soño da infancia. "Os Beléns gústanme dende que era pequeno, e daquela non os había nas casas, levábannos a velos a Pontevedra", explica. Así que, cando puido, "optei por facelo eu".

A oportunidade de ouro xurdiu no 2008, cando se acometeu a reforma do fogar familiar, unha bonita casa de ventás verdes, cun cruceiro na mesma porta. "Isto restaurouse todo", explica. As obras obrigaron a que, para reforzar a estructura da actual cociña, houbera que construir un grande arco que deixou, no seu interior, un oco de, aproximadamente, tres metros de longo e de ancho. Nel non o dubidou, e inmediantamente visualizou nese oco o lugar axeitado para o seu Belén soñado. Nese mesmo ano 2008 comezou a súa construción e, dende entón, vai mellorando as técnicas e os materiais cada ano, con obxetos reciclados e calquera elemento que lle poida ser de utilidade para deixar voar a imaxinación e conseguir que, a medida que pasan os anos, o seu Belén se vaia volvendo máis espectacular e recoñecido entre a veciñanza. "Para os camiños, ao principio desfixera uns aparatos para as moscas, pero agora é de polipedra. Antigamente tamén poñía musgo, pero para evitar atraer aos bechos, agora é sintético", explica. Pois, ademais de lucir en todo o seu esplendor, o Belén de Nel debe perdurar ano tras ano. "Forma parte da casa", asegura.

O Belén de Nel chegou a ser tan coñecido no lugar que, cando aínda existía a antiga escola preto do fogar familiar, os cativos e cativas acudían a visitalo guiados polos mestres e mestras. "Viñan en fila, miraban o Belén e dabamoslles galletas", lembra. A familia que, por suposto, o apoia no seu proxecto, está "encantada", presume.

Este ano, aínda que as visitas se reduciran a causa da covid-19, Nel segue a manter vivo o espírito e convida a visitar a montaxe a quen o desexe, coas debidas precaucións.

'Nel' e o seu soño da nenez: "O meu é un Belén permanente, forma...
Comentarios
ç