Os nenos e as nenas de Cotobade, terra natal de Antonio Fraguas, inician a 'Primavera das Letras'

A iniciativa da Real Academia Galega busca achegar aos escolares á figura do homenaxeado nas Letras Galegas

Inicio da Primavera das Letras en Cotobade. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera Inicio da Primavera das Letras en Cotobade. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

Os nenos e nenas de Cotobade, terra natal do protagonista do Día das Letras Galegas 2019, Antonio Fraguas, deron inicio este xoves á Primavera das Letras, a iniciativa da Real Academia Galega que desde hai tres anos busca achegar aos escolares á figura do homenaxeado na festa da lingua propia de Galicia.

Os alumnos do CEIP de Carballedo e de Tenorio, no municipio de Cerdedo-Cotobade, foron os primeiros en poder acceder aos contidos da web creada pola RAG, cuxo presidente, Víctor F. Freixanes, acompañado pola académica Fina Casalderrey, participou no acto inaugural da Primavera das Letras. "Para que o Mil primaveras de Cunqueiro se cumpran, hai que crear vasos comunicantes entre a Academia e os pequenos e o profesorado", indicou Casalderrey durante o acto, no que os alumnos dos colexios de Cotobade ofreceron unha representación dramatizada da biografía de Antonio Fraguas e un vídeo.

Primavera das Letras naceu en 2016, ano no que o Día das Letras foi dedicado a Manuel María, como unha iniciativa pensada para os máis pequenos e os seus profesores. A través dun portal web, a RAG pon á súa disposición material para achegar a figura do homenaxeado. "Antonio Fraguas vainos permitir viaxar polas raíces da nosa cultura, a cultura popular, tan próxima a nós, en certa medida a memoria dos avós, que fixeron posibles que en tempos de declive a lingua e a cultura de Galicia teña a vitalidade que conseguiu hoxe", afirmou Freixanes.

CONTIDOS. A páxina de Primavera das Letras aúna diversos contidos que repasan as diferentes facetas do polifacético antropólogo que protagoniza o Día das Letras deste ano: historiador, etnógrafo, profesor, narrador oral, membro da RAG e director e presidente do Museo do Pobo Galego.

Desde este xoves poden consultarse as primeiras fichas interactivas sobre Fraguas; unha relacionada coa súa biografía e a súa contribución á dignificación e estudo da cultura popular; e outra que aborda a súa partipación nos movementos do galeguismo histórico -Seminario das Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos- e na fundación do Museo do Pobo Galego.

Comentarios