Ornela Fernández Salgado, tenente de alcalde de Vilaboa (BNG)

"Non é o PXOM que todos soñabamos, pero terá capacidade para que Vilaboa medre"

Licenciada en Políticas con oito anos de experiencia na xestión do Concello, e máis de dez como concelleira. O Plan Xeral de Vilaboa foi o último desvelo desta concelleira do bipartito de Vilaboa que aínda non revela se liderará a súa lista, pero que defende a capa e espada a xestión realizada estes anos fronte á dos que prefiren "non quedar mal con ninguén"

Ornela Fernández, tenente de alcalde de Vilaboa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Ornela Fernández. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Discreción e templanza. Ambas palabras poden definir o carácter de Ornela Fernández Salgado, tenente de alcalde do BNG no bipartito de Vilaboa desde hai oito anos. Encara o final dun mandao no que a tensión sobre o urbanismo alcanzou máximos e no que se deu o paso para aprobar o primeiro PXOM. Será ela quen lidere a lista das municipais en 2019? É algo que a formación non ten présa en desvelar e que a prudencia da entrevistada impide saber.

O PP xa está a traballar co seu candidato á Alcaldía para o 2019. O PSdeG non acaba de desvelar se se cumprirá o desexo de Luis Poceiro de non presentarse... E o BNG? Cal é a súa situación?
Estamos nesa etapa de pór sobre a mesa o traballo feito. Realizando contactos, vendo a candidatura... Hai un traballo en marcha e pronto será o momento de dar conta.

Será vostede a candidata?
A base é a que ten a última palabra e estamos aínda nese momento no que teñen que decidir.

Por acotar, hai varias opcións sobre a mesa? Está vostede cansada de traballar no bipartito, como afirma o seu socio socialista
(Risas) Non, cansa non estou en absoluto! Levamos oito anos e o equipo municipal fai unha boa valoración do traballo feito. Que como lle queremos dar continuidade? Iso é o que se está a falar.

A súa posible candidatura
"Cansa non estou en absoluto! Levamos oito anos eo equipo municipal fai unha boa valoración do feito"

O PP lembra que para o 2019 cumprirá 20 anos fóra do Goberno... Vostedes suman dous mandatos na tenencia da Alcaldía. Temos peche de ciclo?
Non. Sinceramente, creo que en oito anos que levo, se puido facer un bo traballo, pero é certo que non sempre cumpres todas as expectativas que a cidadanía ten. Vexo que podemos seguir achegando en positivo.

Este mandato foi o mandato do PXOM ou o PXOM fai que non se vexa o resto do traballo?
Todo se retroalimenta. O tempo que todo isto leva en trámite, e en especial a problemática urbanística máis candente, a presión da cidadanía para que se aprobara... Todo fixo que a sinerxia se centrara no PXOM e iso ademais de requerir máis tempo e esforzo, levou a que o traballo noutras áreas -que o houbo- quedara algo máis oculto.

Fálase moito dun plan con varios ámbitos en suspensión, dun plan menos malo que ningún plan ata parece que non custara esforzo...
Por iso digo que, ao mellor, estes dous últimos anos, as sinerxias foron máis centradas en resolver todas as problemáticas como o tema da auga. As dúas persoas do Goberno bipartito que estabamos aquí e que tiñamos a responsabilidade de Goberno, desenvolvemos un traballo moi arduo. Co tema do abastecemento fomos nós os que tivemos que asumir una traballo de campo. Ir falando, unha a unha, coas traídas veciñais, reunións, mobilizar á xente para que achegase a documentación...

A oposición fala de empezar a traballar para crear crecemento, vivenda, industria. Este Plan, no caso de aprobarse, non responderá nin sequera a esas necesidades?
A ver... Este é o plan de urbanismo que nos gustaría a todos? Non. Hai que recoñecelo. Non é o PXOM co que todos soñabamos, pero ten capacidade para que Vilaboa medre. É imposible que un plan xeral guste ao 100% da cidadanía. Pero tamén está o tema legal. Hai que axustarse estritamente ao informe que remite a Xunta de Galicia. E iso fixemos. O informe indicounos os axustes que tiñamos que facer para ter a aprobación. Pero de aí a que o PXOM non teña capacidade... É evidente que terá capacidade para que Vilaboa se desenvolva. Que, ao mellor non é a capacidade que a algúns lle gustaría? Bueno, pois sexamos realistas. Un PXOM non é un documento pechado. Según as necesidades que vaian xurdindo poderemos ir mellorando este documento.

Tampouco esperar ía ser bo?
Non o era. Nós tiñamos a aprobación inicial feita antes da aprobación da última Lei do Solo. Se non se adapta ao que pide a Xunta e se cambia todo, teriamos que partir de cero e facer un traballo novo. Este era o momento.

Sorprendeu que o seu compañeiro Cándido Rosendo votara en contra. Como encaixou o BNG a decisión?
O BNG no debate interno xa escoitara os argumentos de Cándido. Empregou a súa propia conciencia e votou en contra para tranquilidade del. Había vivendas que quedaban fóra de ordenación. Nós respectámolo. Nin se nos pasou pola cabeza que dimitira. Como en moitos outros plans, debido aos informes sectoriais hai vivendas con licenza que quedan fóra. Non por iso quedan ilegais. Pero claro que esa non é a situación que os propietarios quererían. Se a Xunta o aproba, -que aínda falta a aprobación definitiva-, nun ano poderemos comezar a traballar na solución.

Ante as críticas do PP
"Que en Vilaboa non se fixo nada en 20 anos? Non o vexo así. Instrumentos como o PXOM ou o depósito serán moi importantes"

O PP lamenta que non se soubera entender a súa abstención e as críticas de Salvemos Vilaboa...
A ver, respecto a postura do PP, aínda que non comparta o seu voto. Eles din que non forman parte e non queren asumir a responsabilidade. Pero tamén teño que dicir que igual é ir ao máis cómodo. Amosarse a favor dos veciños, dicir que van pelexar polos veciños nas administracións nas que teñen poder, pero, por se acaso, á hora da verdade, absterse para non quedar mal con ninguén.

Eles din que Salvemos Vilaboa está politizada. Cre que é así?
Non o sei. Non podo saber o que pensan, nin como plantaforma nin como afectados particulares que son cada un dos integrantes.

Vostede como valora as declaracións de Luis Poceiro nas que dixo que non se volvería a presentar?
É algo persoal. Unha decisión que lle pertence primeiro a el, e despois á súa agrupación. Fala de cansanzo. Eu podo entendelo, porque son moitos anos, case 20, e a política municipal esixe moito. É reconfortante, porque actúas no teu entorno, na comunidade que conformas, pero tamén desgasta.

E as opinións de Alberto Acuña?
Nada que dicir del no nivel persoal. Agora, que fale de que non houbo avances en Vilaboa nestes 20 anos... Non o vexo así. Conseguimos instrumentos importantes e de futuro como pode ser o PXOM. Ou ese depósito que criticou na súa entrevista. Pois non é certo que non vaia servir. Un concello sen auga si que sería un concello sen futuro. O depósito vai ser fundamental para que gran parte do concello teña auga. E tamén para legalizar eses barrios que quedan en suspensión, para permitir o incremento nas zonas urbanas e nos núcleos, ou para o desenvolvemento industrial de Vilaboa. En fin, que cre que o PP ten que voltar despois de 20 anos? A cidadanía será a que fale.

Comentarios