A nova horta urbana da Caeira xa está operativa e a disposición dos veciños

A Concellería de Medio Ambiente acondicionou o espazo e instalou un peche perimetral
Nova horta Urbana na Caeira. DP
photo_camera Nova horta Urbana na Caeira. DP

A Concellería de Medio Ambiente, dirixida por Xosé Luís Martínez, vén de culminar os traballos de posta a punto da nova horta urbana situada no lugar da Caeira. O edil supervisou a zona nestes días, unha vez levado a cabo o seu acondicionamento, que supón ""dar resposta a unha demanda que nos tiñan trasladada a veciñanza da contorna para contar cun espazo destas características".

Martínez Blanco, que estivo acompañado polas concelleiras nacionalistas Marga Caldas e Raquel Rodríguez, lembra que a creación deste tipo de zonas é un dos piares da filosofía impulsada neste mandato a través da campaña Poio en Verde, que avoga pola creación de áreas de esparcemento e de lecer e o fomento do respecto e coidado pola contorna. Para iso, traballan de xeito conxunto co departamento de Medio Ambiente outras concellerías como Deportes, Educación, ou Seguridade Cidadá.

A horta urbana emprázase nas proximidades da nova rúa aberta entre Río Sil e Umia. Tal e como recorda Xosé Luís Martínez, o que se fixo foi poñer a punto a parcela na que "xa desde hai algún tempo un grupo de veciños e veciñas da Caeira realizaba pequenos cultivos". Procedeuse ao arranxo e acondicionamento do terreo, ademais da mellora de acesos e da instalación dun peche perimetral. A intención é que o uso dos terreos sexa de carácter rotatorio, de xeito que "todas as persoas interesadas proceder cos cultivos".

Esta actuación vén a culminar a remodelación integral da contorna desta rúa da Caeira, que desde hai unhas semanas tamén conta cunha nova zona verde, anexa á horta urbana. A principios deste ano concluíron os traballos para a instalación de mobiliario, a plantación de especies arbóreas e a dotación de aparellos biosaudables.

Comentarios