Nova sorpresa da vaga eólica: notifican un proxecto máis no Monte Castrove, en Poio

O rexedor poiense, Ángel Moldes, anunciou que o Concello alegará en contra e convocará unha xunta de voceiros. Afectará tamén a Meis, Barro, Pontevedra e Poio. Vilaboa encheu a Casa da Cultura para saber os detalles do P. E. de Arena Power, con 15 aeroxeneradores

Reunión eólicows vilaboa
photo_camera A veciñanza reuniuse en Riomaior, Vilaboa, preocupada polo parque eólico do Morrazo. D. P.

A presión das grandes enerxéticas sobre o territorio da provincia non cesa e esta semana iniciouse coa notificación doutro proxecto considerado potencialmente unha ameaza polas forzas vivas e os gobernos locais. Así, o Concello de Poio anunciou este martes que presentará alegacións ao proxecto de construción dun parque eólico no Monte Castrove. 

O Goberno local non desvelou os detalles da proposta, posto que esta aínda non foi anunciada no Diario Oficial de Galicia, senón que se recibiu unha resolución da Dirección Territorial de Economía e Industria pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa deste parque, que, adianta o Concello de Poio, afectará aos territorios dos concellos de Meis, Barro, Pontevedra e Poio.
O alcalde, Ángel Moldes, sinalou que xa encargou aos departamentos técnicos que comecen a redactar o documento co que manifestar o rexeitamento do Concello de Poio a unha actuación que conlevaría un importante impacto medioambiental na zona. 

Ademais, indica que nos próximos días tamén convocará a xunta de voceiros para avanzar no documento de xeito consensuado e amosar unha imaxe común, de unidade e consenso fronte a este proxecto.

Descoñécese, de momento, se a proposta ten que ver coas dúas anteriores presentadas para este territorio. Unha delas era a proposta para instalar dous aeroxeneradores por parte de Renoveurysa, S.A., unha empresa con sede en Caldas de Reis que iniciou a tramitación en 2012

A segunda, máis recente, de 2021, impulsada pola sociedade Parque Eólico Cadaval y Ventoso SL, con sede en Santiago. Neste plan que tamén foi exposto ao público, a empresa propuxo contar con catro aeroxeneradores de 6.000 kilovatios cada un, por lo que a súa potencia alcanzaría os 24 megavatios. A raíz da difusión das características daquela iniciativa naceu a plataforma veciñal Non ao Parque Eólico Monte Castrove que nun corto periodo de tempo reunira máis de 500 alegacións  contra este proxecto. Ademais, os Gobernos locais de Poio, Pontevedra e Barro tamén apelaran en contra. 

Non ao de 'Arena Power', en Vilaboa

Poio non é o único municipio en alerta por esta nova tentativa de promover parques eólicos nos mesmos terreos do Plan Eólico de Galicia onde a veciñanza está loitando por manter a raia preto de 50 proxectos de explotación eléctrica, dos que gran parte está entre os 40 que foron suspendidos cautelarmente polo TSXG. 

Así, en Vilaboa, a Casa da Cultura de Riomaior encheu este martes o seu salón de actos para un encontro no que responsables de Eólica no Morrazo Non explicaron os detalles do proxecto presentado para a serra do Morrazo promovido por Arena Power.

O Concello xa acolleu o luns o pleno de rexeitamento desta proposta, cousa que se está facendo durante a presente semana en gran parte dos concellos afectados. Na reunión de este martes, a Plataforma Eólicos no Morrazo Non explicou que o novo proxecto aspira a instalar 15 aeroxeneradores (dous en Moaña, sete en Domaio, dous en Marín (Santomé de Piñeiro) e catro en Vilaboa: dous en Santa Cristina e dous en San Adrián. 
Nesta zona unha filial de Endesa, xa descartou no ano 2021 un proxecto similar, case cos mesmos xeneradores e emprazamentos. 

Pola súa banda, na comarca de Pontevedra e na de Terra de Montes ultiman a promoción dunha ruta apoiada polos concellos da Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, coa que se quere poñer en valor o entorno do Monte de Quireza e A Estrada no que habita a Cabana do Santo, e se realizan todos os rituais de cría de gando ceibe e a rapa das bestas. A zona está baixo a lupa de dúas promocións eólicas: Alamoceiros e Xubrintas, que superarían os 30 aeroxeneradores en conxunto.

Comentarios