O novo Camiño da Outeira, un vial seguro para ir ao instituto

Pasa a ser de sentido único para o tráfico rodado cara a PO-308
Agís e Besada, este luns no Camiño da Outeira, tras as obras. DP
photo_camera Agís e Besada, este luns no Camiño da Outeira, tras as obras. DP
A parroquia poiense de San Xoán vén de estrear a nova imaxe do Camiño da Outeira, que pasou de ser unha estreita vía de tránsito, especialmente para o alumnado do IES de Poio, a unha estrada máis ampla, con novo pavimento e cunetas, e o conseguinte reforzo da seguridade viaria, algo que o titular de Urbanismo e Mobilidade, Gregorio Agís, considerou "básico", tendo en conta que "por este camiño transitan cada día moitos veciños e veciñas e parte do alumnado do instituto".

A tenente de alcalde e responsable da Concellería de Obras, Chelo Besada, visitou este luns, acompañada de Agís, o vial de titularidade municipal que vén de ser obxecto das obras por parte do Concello, nunha xornada na que se coñeceu unha das novidades da vía, que pasa a ser de sentido único para o tráfico rodado. Deste xeito, os vehículos só poderán circular en dirección PO-308, unha cuestión que foi abordada recentemente pola Mesa de Mobilidade. "Deste xeito, os peóns pasan a contar con máis espazo, evitando que nas zonas máis estreitas se crucen dous turismos como viña sucedendo ata o de agora", indicou Gregorio Agís, que tamén destaca como beneficio desta aplicación do sentido único que "a partires de agora probablemente se reducirán de xeito drástico as aglomeracións de tráfico no cruce da estrada da Fontenla coa PO-308, pola que tamén circulan os autobuses".

Os dous integrantes do Goberno local explicaron que esta medida foi adoptada tendo en conta as peticións e sensibilidades da veciñanza e dos usuarios e usuarias habituais do camiño. Está previsto que proximamente se complete a sinalización vertical e horizontal.

UNHA OBRA COMPLEXA. O Concello de Poio investiu preto de 15.000 euros nas obras de posta a punto do camiño nas que, ademais de ampliar o espazo e dotar ao firme de nova pavimentación, tamén se procedeu a habilitar unha cuneta tendida, así como unha tubaxe a modo de canalización de pluviais.

A tenente de alcalde, Chelo Besada, lembrou que esta actuación "resultou máis complexa do agardado", xa que para poder dotar ao camiño do servizo de pluviais foi necesaria a realización dun estudo topográfico previo, o que provocou que a execución das obras se demorase varias semanas. Isto, sumado ás inclemencias meteorolóxicas, impediu que a posta a punto fose unha realidade moito antes. De feito, en vista desta situación, os operarios municipais, unha vez ancheado o espazo, optaron por dotalo dunha superficie temporal de xabre, para que xa puidese ser utilizado pola veciñanza mentres non finalizasen as obras.

Tal e como lembrou Besada, a actuación "resultou moi importante, porque serviu para converter un antigo carreiro nun camiño en moi boas condicións, máis seguro e con novos servizos", indicou a concelleira de Obras e Servizos, que non dubidou en agradecer a "paciencia" da veciñanza e das persoas usuarias polo desenvolvemento das obras.

Demandas. Besada responde ás críticas do PP
A actuación no Camiño da Outeira foi obxecto de críticas por parte do PP de Poio nos últimos tempos, que demandaba que se levara a cabo de xeito urxente, sobre todo polo que respecta á usabilidade por parte do alumnado do instituto. Pola súa parte, Besada insistiu en que esta actuación comezou "moito antes de que o Partido Popular demandase a súa realización. Se precisamente fixo mención a estas obras e esixiu a súa execución foi porque era consciente de que estaba en marcha e de que o estudo topográfico demoraría a súa finalización. É a maneira de actuar do PP de Poio, a base de medias verdades e buscando o oportunismo", denunciou.

Comentarios