Novo revés para o marisqueo en O Cunchido

Intecmar cataloga este banco como Zona C por presenza de E.coli, despois de que os pósitos de Arcade e Vilaboa se enfrontaran pola extracción parcial 
Mariscadoras de Arcade e Vilaboa en O Cunchido. GONZALO GARCÍA
photo_camera Mariscadoras de Arcade e Vilaboa en O Cunchido.

Novo pau, e tamén novo enfrontamento entre os pósitos de Arcade e Vilaboa que faenan no fondo da ría de Vigo, e que comparten o banco de O Cunchido-Larache. O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño en Galicia (Intecmar) vén de catalogar o espazo como Zona C, ao detectar niveis de E.coli nos últimos controis efectuados, polo que queda anulada a posibilidade de extraer bivalvo, ao estar contaminado pola bacteria.

Esta circunstancia deixa especialmente malparadas ás mariscadoras do pósito de Arcade. Se ben a situación xa era mala, posto que tanto as mariscadoras de Arcade como as de Vilaboa atópanse en situación de cese da actividade pola mortandade da ameixa, 11 das do pósito de Arcade chegaran a acordo coa Consellería do Mar o pasado mes de abril para que lles permitira faenar algúns días ao mes por estar nunha situación laboral complicada, pois carecían de meses de paro cotizados, xa que debido ao cese de actividade anterior, un erte motivado pola covid-19, e que durou máis dun ano, consumiran a prestación de desemprego. Esta foi a situación que xerou tensións entre os dous pósitos ao iniciar a actividade as de Arcade o pasado luns 26 de abril nos lombos de O Cunchido, e que provocara a intervención da Garda Civil. Agora, a catalogación de Zona C implica que a ameixa non se pode vender para o consumo, polo que a única saída para o sector das mariscadoras de Arcade afectadas pola situación é destinar o produto a conservas xa que, tal e como explicou o patrón maior da Confraría Virxe do Carme de Arcade, Gonzalo Reinoso, "os procesos que se seguen na conserva quítanlle a bacteria ao produto, polo que si se podería vender", aínda que, advertiu, "o prezo baixaría".

Neste sentido, o pósito de Arcade atópase en negociacións cunha conserveira, pendente aínda de poder extraer unha mostra de un quilogramo do produto en O Cunchido, previa autorización por parte do pósito de Vilaboa, que na mañá deste xoves mostrouse contrario á venda desta ameixa mentres dure a calificación de Zona C. Se non se chega a acordo para a toma de mostras a derivar á conserveira, para que comprobe se o produto cumpre os parámetros, o pósito de Arcade tería que recorrer novamente á Consellería.

De non contar coa alternativa de vender a ameixa para conserva, as 11 mariscadoras de Arcade que xa consumiron a prestación por desemprego debido á situación anterior, quedarían sen soporte. "Estarían vendidas, e non se lle podería facer nada. É algo que vai máis alá da confraría ou da propia Consellería", sinalou o patrón maior de Arcade, quen asegurou "entender" tamén a posición do pósito de Vilaboa neste asunto. "É unha situación difícil. Compréndoo poñéndome no caso delas, pero nesta ocasión tocoulle á miña confraría e gustaríame poder solucionar a situación das 11 mariscadoras", dixo.

O pósito de Arcade xa remitiu un escrito ao de Vilaboa para solicitar permiso para a extracción da mostra de bivalvo en O Cunchido. De non recibir resposta, remitirá a situación á Consellería, quedando tamén pendente da decisión da conserveira sobre a viabilidade para compra da ameixa.

NEGATIVA DE VILABOA. Dende a Confraría Pedra da Oliveira de Vilaboa amosaron este xoves o seu desacordo sobre a venda da ameixa de O Cunchido tras a catalogación do espazo como Zona C. Dende o pósito advertiron que a presenza da bacteria E.coli pode causar "graves enfermidades a través dos alimentos", con "síntomas que se desenvolven de 24 a 72 horas, con diarrea intensa, que é o máis común, unha vez que chega ao intestino".

Por este motivo, valoraron, "non é recomendable a extracción e comercialización deste molusco no banco de O Cunchido", e amosaron a súa preocupación polos "posibles efectos nos consumidores. Sabemos que algunhas das mariscadoras de Arcade queren ir faenar e están buscando unha fábrica para vender, pero dende aquí consideramos que é perigoso", afirmaron dende o pósito.

Máis de 70 mariscadoras de Arcade e máis de 30 de Vilaboa atópanse nestes momentos en cese de actividade, unha situación que, se continúa o paro, duraría ata setembro coa apertura das praias.

Comentarios