Novo accidente na Avenida da Cruz de Combarro

O Concello de Poio xa solicitou en varias ocasións á Xunta que habilitase unha rotonda neste punto
Los dos vehículos implicados en el accidente en Combarro. CEDIDA
photo_camera Los dos vehículos implicados en el accidente en Combarro. CEDIDA

Un novo accidente de tráfico na Avenida da Cruz, no núcleo de Combarro, puxo de relevo a necesidade dunha glorieta na PO-308 á altura deste punto. Un dos vehículos afectados estivo a piques de chocar contra a terraza dun establecemento de hostalería situado neste emprazamento. A colisión tivo lugar á altura do cruce da baixada ata a Praza da Chousa.

Dáse a circunstancia de que é un punto no que o Concello de Poio xa solicitou en varias ocasións á Xunta de Galicia que habilitase unha rotonda, a fin de garantir a seguridade viaria e facilitar os accesos á estrada e as saídas cara a zona portuaria ou o Centro de Saúde. 

A Concellería de Seguridade Cidadá adianta que volverá a insistir nesta petición. A súa titular, Marga Caldas, lembra que, nesta mesma estrada, xa se efectuaron actuacións similares noutros concellos, como é no caso da Rúa Progreso de Sanxenxo. “Non podemos tolerar que a Xunta nos trate como a un concello de segunda. É preciso que se actúe neste punto antes de que ocorra unha desgraza”, finalizou.