O BNG facilitará a elección de César Poza como novo alcalde

A asemblea de militantes decidiu por unanimidade deixar o goberno de coalición co PSOE
César Poza. CEDIDA
photo_camera César Poza. CEDIDA

A Asemblea Local do BNG de Vilaboa decidiu por unanimidade que o seu grupo municipal deixe o goberno de coalición que viña mantendo co PSOE dende hai 13 meses, ante a actitude, por parte do grupo socialista, de "invadir competencias asignadas no pacto de goberno aos nacionalistas e o incumprimento reiterado de consensuar a acción de goberno, e ante a xestión apresurada e non consensuada feita polo grupo socialista da crise xenerada pola dimisión do xa ex-Alcalde".

Aínda que a Asemblea Local recoñece que é unha decisión orgánica dos socialistas a elección da persoa que sustituirá a Francisco Costa na Alcaldía, "non comparte que o vindeiro alcalde sexa un candidato que ía no posto nº 9" da lista, fóra incluso, dos teóricos postos de saída para unha maioría absoluta. Considera que "é unha estafa á cidadanía" e que pon en entredito a valía dos compoñentes actuais do grupo de goberno socialista.

En todo caso, as e os militantes do BNG de Vilaboa, respectarán a vontade popular expresada nas pasadas eleccións municipais e facilitarán a elección do alcalde como candidato da formación máis votada nun "exercicio de respeto pola democracia", xa que, a alcaldía en mans de César Poza supón unha "fraude absoluta para o pobo de Vilaboa que confiou o seu voto maioritariamente á persoa de Francisco Costa fai 13 meses".

CÉSAR POZA. O PSdeG presentou hai unha semana a César Poza como candidato para a alcaldía de Vilaboa, para ocupar o cargo que deixou hai uns días Francisco Costa por motivos persoais.

O PSdeG destaca que Poza está curtido na política municipal da man do exalcalde Luís Poceiro, e preséntao como a súa "aposta de futuro". "Aúna experiencia, coñecemento, ímpeto e unha clara vocación de servizo", di. Salienta, nese sentido, o seu traballo á fronte de áreas como cultura, educación, deportes ou novas tecnoloxías en diferentes lexislaturas desde o ano 2005.

Á hora de aceptar a proposta do partido, Poza resalta o gran labor realizado por Costa no seu curto tempo de mandato: "O seu adeus é unha pena, as circunstancias ás veces non te acompañan, pero o seu traballo aí está".

Nesta nova etapa, Poza di ter como obxectivo estar en permanente contacto cos veciños e, nunha lexislatura excepcional debido á pandemia de coronavirus, confía en contar co apoio de todos os grupos municipais. "Nestes tempos, os políticos debemos estar á altura dos cidadáns, e eles esperan de nós ese consenso necesario para sacar adiante aqueles proxectos que melloren o seu día a día", di, para garantir que será un rexedor "dialogante pero firme na toma de decisións".

Comentarios