Un oasis no corazón da Caeira

Cinco veciños cultivan un terreo de titularidade municipal desafiando a vida urbanita convencional
Carmen, unha dos cinco usuarios do horto, este domingo traballando na súa parcela. GONZALO GARCÍA
photo_camera Carmen, unha dos cinco usuarios do horto, este domingo traballando na súa parcela. GONZALO GARCÍA

Plantaron a primeira semente e, anos despois, chegou a ser un xeitoso horto que, no corazón da Caeira, desafía á vida urbanita convencional. "O primeiro veciño que comezou a traballar estes terreos foi Víctor. Un día, paseando, vin que estaba plantando, pregunteille, e convidoume a poñerme ao seu lado". Así conta Carmen, outra das usuarias, como foron acontecendo os feitos que derivaron no que hoxe é case un oasis do rural a carón dos edificios.

Cando a Paco Gascón o trasladaron dende Madrid á comisaría de Pontevedra e comezou a vivir en Poio, a actividade dalgúns veciños no horto urbano non escapou á súa atención. "Me gusta conocer a los vecinos, y un día paseando al perro vi el huerto. Pregunté lo que había que hacer para coger un terreno y como en esos momentos ahí no había reglas, me dijeron que dispusiera del que quisiera. Acomodé mi parcela con unos postes de madera que cogí del monte y lo limpié con un "fouciño". Era la primera vez que yo trabajaba en un huerto y lo cogí con ilusión", conta.

Os terreos, que están acondicionados de xeito rudimentario polos veciños, son unha vía de escape para os residentes en pisos

Dende ese momento xa vai alá un ano no que o horto da Caeira, situado na zona da rúa do Río Umia, se converteu nun remanso de paz para os veciños que traballan as súas terras, de titularidade municipal.

Para Carmen, que vive nun piso, foi a mellor vía de escape cando "abriron a man e nos deixaron comezar a saír durante o confinamento. Cando estou alí evádome de todo, hai momentos nos que non penso en nada. Unha vez que plantas estás contenta e descobres cousas, se non tes unha relación estrita co rural. Eu nunca vira as flores das berenxenas, por exemplo", di.

Paco tampouco oculta a súa satisfacción por ver medrar as súas hortalizas. "Recuerdo haberme quedado tumbado en la tierra, que no me podía levantar del esfuerzo que había hecho", asegura, exemplificando a paixón que sente á hora de traballar nos cultivos. "La gente que tengo en Madrid sabe que soy bastante aventurero. Cuando me preguntan si vale la pena, les digo que lo hago porque me gusta. Claro que cultivar así no compensa económicamente, pero recoger los tomates que has plantado para tu familia es increíble, son cosas de muy buena calidad. Lo de cultivar me parece muy aconsejable para todas las personas", asegura.

Agora son cinco os veciños que comparten terreo na Caeira, un terreo que conta con toda clase de cultivos: cebolas, rúcula, plantas aromáticas, pementos, berenxenas, tomates ou verzas, dependendo da temporada, e incluso frutais.

O Concello, que xa instalara unha boca de rego nun espazo que se foi construíndo a si mesmo, planea agora dotalo de peches perimetrais, auga e accesos en boas condicións, ademais de elaborar un documento que regule o seu uso, tal e como vén de anunciar, algo co que os veciños coma Paco concordan: "de momento somos unos pocos, pero si llegamos a ser muchos más está claro que necesitamos normas, y las mejorías nos vendrán muy bien".

Comentarios