A obra do local de Protección Civil de Poio custará 20.000 euros

O Concello de Poio comprará unha "pick up" para a extinción de incendios
Exterior do local de Protección Civil na Seca, en Poio. CEDIDA
photo_camera Exterior do local de Protección Civil na Seca, en Poio. CEDIDA

A firma Construcciones y fachadas García Sociedad Limitada é a adxudicataria das obras de posta a punto nas dependencias da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, na Reiboa, A Seca.

A Xunta de Goberno Local deu luz verde á adxudicación destes traballos.

O orzamento total ascende a un total de 20.086 euros, IVE engadido. A entidade adxudicataria centrarase na substitución das fiestras, así como do acondicionamento da fachada exterior.

A actuación lévase a cabo co obxectivo arranxar os problemas de condensación, humidades e filtracións de auga que se rexistran no inmoble.

Vehículo. Este investimento súmase a outros realizados nos últimos tempos por parte da Administración municipal, encamiñados a facilitar o labor "impagable e imprescindible" que levan a cabo os e as voluntarias de Protección Civil.

Así, Marga Caldas, edil de Seguridade Cidadá, lembrou que se destinou unha partida para a dotación de uniformes. A edil tamén dou conta das xestións para adquirir un vehículo pick up, adaptado para a realización de traballos específicos, como extinción de lumes.

A adquisición deste vehículo axudará a axilizar o tempo de intervencións en determinados incendios e facilitar a chegada de efectivos a lugares de difícil acceso. Marga Caldas lembra que estas actuacións dan resposta ás demandas realizadas pola agrupación.

Comentarios