As obras na Costa de Abaixo, case rematadas e "mantendo a pendente actual"

Unha veciña de Combarro denuncia un aumento do desnivel, imposibilitando a mobilidade do seu fillo tetrapléxico 
A concelleira Chelo Besada visitou as obras recentemente. DP
photo_camera A concelleira Chelo Besada visitou as obras recentemente. DP

O mes decembro é a data marcada polo Concello de Poio para a finalización das obras da Costa de Abaixo, que se están a levar a cabo envoltas pola polémica en torno á súa accesibilidade, posto que, segundo denunciou unha veciña do lugar, Áurea Rodríguez, a actuación está a elevar o desnivel da pendente xa de por si existente, e que supón o acceso máis cercano ao fogar familiar para o seu fillo, que utiliza unha cadeira de rodas eléctrica. Neste sentido, a concelleira de Obras e Servizos, Chelo Besada, vén de asegurar que se manterá o nivel "da pendente actual", sen modificacións no seu nivel.

A obra na rúa Costa de Abaixo, situada en Combarro, está orzamentada en 51.000 euros, e estase a financiar grazas á rebaixa efectuada no proxecto de mellora do campo de fútbol da Seca, con cargo ao Plan Concellos 2018. A actuación, adxudicada á empresa EC Casas contempla, ademais da renovación completa do firme, que se atopaba moi deteriorado, a rehabilitación de diferentes servizos básicos, como é o caso das redes de saneamento e abastecemento.

Segundo indicaron dende o departamento de Obras e Servizos, o pavimento en cuestión contará cunha capa media de cinco centímetros de mestura bituminosa en quente, estendida sobre unha capa previa de xabre artificial. As tubaxes sumarán 55 metros de PVC e 315 milímetros para fecais e outras tantas para pluviais, ademais da dotación de media ducia de pozos de rexistro e tres tramos de reixa en fundición. Ademais, a empresa tamén está a instalar canalizacións que garantan o correcto abastecemento de augas ás vivendas da contorna, e tamén foi necesario o retranqueo dun poste de telecomunicacións situado na mesma rúa.

A edil de Obras e Servizos asegurou que o novo firme "facilitará o tránsito de vehículos" e garantiu que non se verán afectados os espazos para peóns, nin o nivel de pendente orixinal da rúa. "Somos conscientes de que o desnivel existente é importante e queremos garantir a mobilidade de todos os veciños e veciñas. Unha vez que a obra esté finalizada, a pendente seguirá igual", asegurou. Besada admitiu de que se trata dunha obra "complexa", pero deixou clara a súa intención de que "mellore a calidade de vida da veciñanza". O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, tamén visitou a zona e pediu "priorizar a accesibilidade". 

Áurea Rodríguez: "Solo pido que dejen la cuesta como estaba" 
"Solo pido que dejen la cuesta como estaba, que quede como antes o nivelen el camino, pero que no coja más altura", son as palabras desesperadas de Áurea Rodríguez, veciña de Combarro, con vivenda na rúa da Costa de Abaixo, onde se están a executar as obras que ameazan con imposibilitar a mobilidade do seu fillo tetrapléxico, que todos os días transita o camiño utilizando unha cadeira de rodas eléctrica. "Las obras están terminando, ahora la pista está más empinada y mi hijo no puede bajar por ahí, y en el Concello dijeron que este trozo lo van a dejar así", explica. A única solución para o mozo pasa por "ir alrededor, por el monte", o que supón percorrer unha distancia de 400 metros para evitar a inclinación da pista. A pesar das declaracións do Concello, a veciña ten claro que si se levou a cabo unha modificación da pendente, en base á nova apariencia da rexa, que un día despois de tomar a fotografía que se mostra á esquerda, descubriuse de lado a lado.
Rodríguez tamén condena as respostas que se lle deron ás súas demandas. "Que no me mientan cuando estoy luchando por mi hijo. Que hagan la prueba a bajar en silla de ruedas por ahí", denuncia.

Comentarios