As obras de humanización da Seara retomaranse a vindeira semana

Levan varias semanas paralizadas por un trámite burocrático
O PP critica a paralización da obra, debido a un cambio no proxecto. P.P.
photo_camera O PP critica a paralización da obra, debido a un cambio no proxecto. P.P.

Despois de varias semanas paralizadas, as obras de humanización da Seara, na parroquia de San Xoán, retomaranse a vindeira semana. Así o confirmou este xoves a tenente de alcalde de Poio, Chelo Besada, que explicou que os traballos tiveron que adiarse temporalmente, para poder levar a cabo unha modificación no proxecto, que afectaba a unha canalización. Unha vez solventado este trámite burocrático, os operarios poden retomar os traballos. A actuación, que comezou en setembro, ten un prazo de execución de seis meses, tal e como lembrou a responsable do departamento de Obras e Servizos. 

A situación destas obras foi motivo de polémica nos últimos días, despois de que o Partido Popular se fixese eco dunha serie de queixas realizadas por veciños da contorna, que falaban de asulagamentos derivados dos traballos. A concelleira popular Rocío Cochón entende que é preciso saber "cando se van repoñer os servizos, se se van substituir as tubaxes ou se van a derivar as actuais e se se vai apostar por un sistema de separativas". Neste sentido, Cochón deixou claro que "os veciños demandan respostas e solucións ao tripartito". 

Estas declaracións causaron sorpresa entre os dirixentes poienses. Así o recoñece Chelo Besada, que puntualiza que o PP "tivo coñecemento da modificación do proxecto da Seara desde o mes de agosto". Tal e como explica a tenente de alcalde, foi na sesión plenaria dese mes cando se levou a Pleno a modificación de crédito necesaria para acometer esta actuación, unha medida que finalmente foi aprobada. 

COMISIÓN DE URBANISMO. Aínda así, nunha das últimas sesións de Urbanismo, o Partido Popular sacou a colación este asunto. Rocío Cochón centra as súas críticas na figura do concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, a quen acusa de "non querer responder a ningunha das preguntas que fixemos sobre o que tiña pensado facer o Goberno municipal con respecto a esta obra". 

Unha vez modificado o proxecto, o Concello confía en que a humanización do núcleo da Seara sexa unha realidade nos prazos establecidos, xa que se trata dunha actuación ambiciosa, financiada a través dos fondos DepoRemse. 

Comentarios