domingo. 20.10.2019 |
El tiempo
domingo. 20.10.2019
El tiempo

Obxectivo, recuperar Tambo

Despois de varios anos pechada, a illa reabriuse en octubro de 2018 para acoller visitas guiadas RAFA FARIÑA
Despois de varios anos pechada, a illa reabriuse en octubro de 2018 para acoller visitas guiadas RAFA FARIÑA
O BNG comprométese a traballar en favor da apertura da illa, de titularidade estatal, en caso de que sexa quen de obter representación no Congreso

HAI UN ANO as conversacións mantidas entre a Escola Naval Militar de Marín e o Concello de Poio serviron para reabrir as visitas a un dos enclaves máis enigmáticos da ría de Pontevedra: a Illa de Tambo. Desde entón, o esforzo levado a cabo por agrupacións como a Asociación Illa de Tambo servíu para que centos de persoas tivesen ocasión de coñecer esta paraxe. Agora, o grupo autonómico do Bloque Nacionalista Galego (BNG) entende que chegou o momento de dar un paso máis á hora de conseguir que a illa cambie de titularidade (actualmente aínda é propiedade do Ministerio de Defensa, a pesar de que as prácticas militares cesaron a principios do século XXI). 

Esta é unha das cuestións que forman parte da axenda que os nacionalistas queren desenvolver en caso de que obteñan representación parlamentaria nas vindeiras eleccións xerais. A lista estará encabezada en Pontevedra por Carme da Silva. Ademais, o BNG tamén instará no Parlamento de Galicia a que A xunta de Galicia reclame a transferencia, ben para si mesma, no caso de considerar oportuna a súa inclusión no Parque Nacional das Illas Atlánticas, ou ben ao Concello de Poio, ao cal pertence desde o punto de vista xeográfico. Hai uns días, o deputado Luís Bará referiuse ae ste obxectivo, se ben non chegou a concretar cales van ser as vías para insistir ante a Administración autonómica sobre a necesidade de acelerar a transferencia. En todo caso, Bará deixou claro que Tambo "é un patrimonio que neste intre atópase en estado de abandono. Non se pode consentir que a illa continúe sendo vítima do mesmo desleixo", recalcou. 

As visitas impulsadas por colectivos como Illa de Tambo permitiron dar a coñecer esta paraxe a centos de persoas

A gran demanda que tiveron as excursións organizadas ao longo deste meses pola Asociación Illa de Tambo corrobora, precisamente, o interese que suscita a illa. A agrupación presidida por Antonio Costa calcula que máis de 700 persoas tiveron ocasión de coñecer esta paraxe. Cómpre lembrar que a Escola Naval Militar permite estas excursións, sempre e cando conten cun número limitado de asistentes (50) e que non se prolonguen por un espazo de tempo superior ás dúas horas e media. Un integrante da propia institución castrense encárgase de exercer de guía e de explicar aos excursionistas as pecularidades da illa. As ruínas da capela, o antigo lazareto ou o polvorín que utilizaban os militares son algúns dos emprazamentos a visitar. 

Obxectivo, recuperar Tambo
Comentarios