O Goberno galego incluirá unha praza de Pediatría compartida que dará servizo aos concellos da Lama, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas na convocatoria de prazas de difícil cobertura mediante concurso de méritos que aprobará nas vindeiras semanas.
"Estamos a actuar co máximo inxenio e esforzo, tanto normativo como económico, para ser a primeira comunidade que adopta e consegue solucións fronte a falla de médicos de Atención Primeira e de pediatras que afecta a toda España. E dende o Sergas estamos a conseguilo paseniñamente con diversas medidas, entre as que figuran os novidosos concursos de méritos e outras que estamos a negociar cos profesionais", explicou o delegado territorial de Sanidade, José Flores, no transcurso dunha visita ao ambulatorio da Lama para anunciar este cambio.
Tal e como recordou Flores, esta convocatoria de máis de 400 prazas, avanzada a finais de febreiro polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, realizarase ao abeiro da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada o pasado outubro polo Parlamento e que permite a convocatoria mediante concurso de méritos (é dicir, sen oposición) de prazas en propiedade en categorías como facultativo especialista de Atención Primaria, pediatría de Atención Primaria, as especialidades médicas nos hospitais comarcais ou as prazas vinculadas ao Plan de Saúde Mental de Galicia.
En Ponte Caldelas, na actualidade, a praza está cuberta por unha médico xeralista con formación en puericultura que atende también aos nenos da Lama, en Cerdedo-Cotobade, hai servizo en Tenorio tres días á semana.