A Oficina de Orientación Laboral recibiu máis de 1.300 consultas en 2022

Poio mantivo o ano pasado a tónica de redución das cifras de persoas no paro, baixando desde os 1.000 desempregados ata os 898, un 11% menos que no ano anterior
Curso formativo impartido polo Concello de Poio. ARQUIVO DP
photo_camera Curso formativo impartido polo Concello de Poio. ARQUIVO DP

A Oficina de Orientación Laboral, dependende da área de Promoción Económica de Poio, pechou o ano 2022 cun notable incremento da súa actividade de cara á cidadanía.

Así, máis de 1.300 persoas foron asesoradas a través desta oficina, tal e como sinala o concelleiro responsable da área, Gregorio Agís, que remarca que esta cantidade supón un importante aumento con respecto aos datos correspondentes ao exercicio anterior, cando se prestou servizo a aproximadamente 700 cidadáns.

"Consolídase a tendencia á alza dos últimos anos, que xa viñamos detectando mesmo desde antes da pandemia", apunta o edil do Goberno municipal, que incide en que, se ben a meirande parte das persoas que acoden ás instalacións, situadas no Centro de Formación da Reiboa, "tamén existe unha importante demanda por parte de veciños e veciñas doutros concellos da bisbarra e da contorna".

A busca activa de emprego é unha das cuestións protagonistas no asesoramento que se realiza a través da Oficina de Orientación Laboral, se ben desde a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo tamén se salienta o feito de que cada vez son máis as persoas interesadas en mellorar ou potenciar habilidades e recursos de cara ao emprendemento. O horario de atención é de 9.00 a 13.30 horas, pero tamén é posible contactar a través do teléfono do Concello, 986770001 (extensión 1502) ou ben no mail [email protected].

Por outra banda, o titular de Promoción Económica e Urbanismo salienta que Poio pechou o ano 2022 co menor índice de desemprego acadado desde o ano 2007. Por primeira vez en 16 anos, o número de persoas sen traballo ficou por debaixo das mil.

En concreto, foron 898, o que se traduce nunha porcentaxe do 11,5%. Na revisión das cifras máis recentes do Concello, para atopar un dato similar é preciso remontarse ao ano 2007, con 746 desempregados, apunta o concelleiro.

Agís destaca que na última década a redución do desemprego en Poio mermou en practicamente o 50%. "O ano 2012 rematámolo con 1.791 persoas sen emprego, sendo este o tope máximo acadado no que vai de século, nun contexto que daquela estaba moi condicionado pola crise económica iniciada en 2008", apunta o concelleiro que considera que "afortunadamente, a través das nosas competencias e dándolle pulo diferentes iniciativas fomos quen de axudar a que esa cifra fose descendendo de xeito paulatino ata os 898 actuais". Asemade, o concelleiro reafirma o compromiso do Concello á hora de seguir organizando e dando vida a diferentes actividades, cursos e accións encamiñadas a fomentar o emprendemento, a formación e a dotación de ferramentas prácticas para a busca activa de emprego que permitan manter, cando menos o ritmo de crecemento das contratacións rexistrado nos últimos tempos.

"Comezamos o ano 2022 con 1.000 desempregados e desempregadas e esta cifra reduciuse en máis dun 10%, temos que seguir traballando nesta liña para que eses datos continúen á baixa", conclúe Gregorio Agís.

Comentarios