Oposición e Goberno de Poio censuran a obra realizada por Portos en Raxó

Denuncian que os elementos instalados non evitarán que os vehículos caian ao areal
Imaxe dos novos elementos instalados. DP
photo_camera Imaxe dos novos elementos instalados. DP

O Concello de Poio remitirá un novo informe, elaborado por técnicos municipais, para instar a Portos de Galicia a que adopte "medidas efectivas" para mellorar a seguridade na contorna do peirao de Raxó.

O Goberno local anunciou esta medida, trala sorpresa "e malestar" detectado na parroquia "pola actuación levada a cabo estes días polo ente autonómico, que procedeu á instalación duns elementos que son totalmente insuficientes" para garantir que non se repitan situacións como as vividas no verán, cando, en xornadas diferentes, dous vehículos se precipitaron desde a calzada ata a praia.

Raxó amenceu cuns dispositivos instalados nun arcén do citado vial similares aos lombos, que destacan pola escasa altura e a simple vista non parecen ser unha barreira efectiva contra os deslizamentos dos turismos á area en caso de erro ou sinistro.

Os dirixentes municipais manifestaron o tempor de que o xeito de proceder de Portos con esta medida acabe "provocando unha desgraza" na praia.

O equipo liderado por Luciano Social considera "unha burla aos veciños e veciñas" esta actuación, un "amago de parche que en ningún caso garantirá que se eviten futuros accidentes".

O Concello volve insistir na necesidade de que se actúe na contorna para mellorar a seguridade e os servizos, tal e como se recollía no convenio asinado no ano 2009, a través do cal a Xunta de Galicia se comprometeu a rehabilitar os peiraos de Raxó e Covelo, cunha inversión de máis de tres millóns de euros. A mellora da seguridade peonil e viaria era un dos obxectivos dese acordo, do que non se materializou máis ca o 20%.

"Se a curto prazo non se vai a executar ese proxecto, o mínimo é que se acometan actuacións serias e se instalen elementos eficaces", conclúe o Goberno local.

A obra tampouco gustou á Asociación A Laxe, que no seu perfil oficial de Facebook afirmou: "Lamentamos que la presidenta de Puertos piense que el pueblo de Raxó es tonto, estamos esperando por el proyecto que nos prometieron en el año 2009, aprobado por los colectivos después de varias reuniones tomándonos el pelo". 

Críticas do PP: "A actuación é unha vergoña"
Aínda que o PP de Poio, ata o momento, mantivo unha postura moderada respecto aos acordos de Portos sobre as actuacións nos peiraos, a formación non vai a seguir na mesma liña despois de comprobar como quedaba a obra desta semana, que calificaron como "unha vergoña". "O coherente sería colocar elementos seguros que eviten a caída dos vehículos á praia e con estes elementos non se evita", denuncia o voceiro Ángel Moldes. "Instamos á Xunta a que actúe para dotar de seguridade ó lugar. Nós fixémolo xa en varias ocasións por escrito á propia Presidenta: queremos que se actúe antes de que suceda unha desgraza", indica Moldes. Desde o PP local solicitan actuacións similares ás que se realizaron en Cambados, Vilanova de Arousa ou A Illa, con elementos que eviten a caída de vehículos. "Xa caeron persoas, vehículos e ciclistas, que están esperando a que queden atrapadas persoas debaixo dos coches?", pregunta Moldes.

Comentarios