Ornela Fernández, voceira do BNG en Vilaboa, renuncia á súa acta de concelleira

Fernández retírase da primeira fila e da vida institucional, pero non da organizativa do BNG ► Teresa Carro substituirá á dirixente dos nacionalistas vilaboense
Ornela F. Salgado. GONZALO GARCÍA (ADP)
photo_camera Ornela F. Salgado. GONZALO GARCÍA (ADP)

A ata entón voceira do BNG de Vilaboa, Ornela Fernández Salgado, presentou a súa renuncia á acta de concelleira e, por tanto, de voceira municipal. Nunha carta de despedida, Fernández expón as razóns da súa dimisión e retirada da primeira fila e da vida institucional, pero non da organizativa do BNG.

No escrito, a que foi dirixente dos nacionalista de Vilaboa, aproveitou para agradecer aos seus compañeiros de partido, así como á veciñanza da localidade, o apoio e a confianza recibidos ao longo dos 14 anos de vida política neste concello pontevedrés.

"Despois de 14 anos, chegou o momento de deixar o meu cargo como concelleira do concello de Vilaboa. Chega o momento de pechar esta etapa da miña vida. Foi unha honra e orgullo ocupar este cargo, pero son firme defensora da non perpetuidade nos cargos públicos e, desde moi nova, descubrín que, nesta vida, todas as persoas somos necesarias, pero non hai ninguén imprescindible. Tras tres lexislaturas e media de concelleira, e 10 liderando a candidatura do BNG de Vilaboa, é tempo de deixar paso a novas compañeiras, que teñen ilusión e ganas e unha gran capacidade de traballo", explica Fernández.

O seu cargo pasará a ocupalo Teresa Carro, compañeira súa durante catro anos, á que definiu como "unha muller feminista, que loita polas inxustizas e que ten unha gran capacidade de traballo, así como ilusión, humanidade e gran sentido da responsabilidade". "Marcho coa confianza e a tranquilidade que da que a persoa que me substitúe, Teresa Carro, vai seguir traballando igual ou máis e mellor ca min e que o grupo municipal do BNG vai traballar unido, con ilusión e esforzo", afirmou Ornela Fernández no seu escrito de renuncia.

Ademais do agradecemento aos seus compañeiros (con mención especial para o anterior alcalde e voceiro do BNG, Xabier Míguez, así como para os concelleiros César Blanco e Carlos Acuña), no escrito de Fernández tamén tiveron cabida dous compañeiros da oposición no concello.

A ex portavoz e candidata á alcaldía polo PP, Beatriz Rosendo, da que dixo que "as dúas entramos xuntas de concelleiras no 2007 e xuntas fixemos historia no 2011 sendo as primeiras mulleres candidatas á alcaldía de Vilaboa", e o alcalde socialista co que compartiu coalición de goberno, José Luis Poceiro, ao que lle dedicou as seguinte palabras: "con el compartín 8 anos de goberno, nos que coas nosas diferenzas ideolóxicas, soubemos ter unha boa convivencia política e incluso, en ocasións, de apoio persoal."

Finalmente, Ornela Fernández dedicoulle unha palabras de agradecemento ao persoal do concello e aos seus achegados, dos que di que "foron os que máis sufriron as miñas ausencias e os meus momentos de baixón ou tensión". 

"Agora centrareime na miña vida laboral e persoal, así como nos novos proxectos que quero afrontar para seguir crecendo persoal e laboralmente. Non pecho a porta ao saír, voume da primeira liña, pero espero seguir véndovos", conclúe no escrito.

Comentarios