martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

Óscar Ibáñez e Xabier Díaz inauguran 'Reinicia Verán'

Óscar Ibáñez actuará o vindeiro venres 17 en San Salvador. DP
Óscar Ibáñez actuará o vindeiro venres 17 en San Salvador. DP
A programación estival de Poio contará con concertos e actividades ata setembro
Reinicia Verán Poio é o nome da nova programación impulsada pola Concellería de Festexos, que se desenvolverá ao longo de toda a tempada estival. Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo ofrecer, tanto á veciñanza como aos turistas, unha oferta lúdica e variada, pensada para todos os públicos, e respectando as medidas de seguridade e distanciamento determinadas polas autoridades sanitarias por mor da pandemia da covid-19. A programación estrearase a finais da vindeira semana. En concreto, será o venres 17 cando o gaiteiro poiense Óscar Ibáñez salte ao escenario que se habilitará no parque de Ánkar, na parroquia de San Salvador, ás 21.30 horas.

O sábado 18, á mesma hora, serán o compositor coruñés Xabier Díaz e as Adufeiras da Salitre os encargados de deleitar aos asistentes cos seus temas musicais. O concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, explica que o aforo será de 400 persoas, que deberán permanecer nos seus asentos durante as actuacións. O edil do BNG adianta que "durante todas as semanas do verán ofreceremos actividades e iniciativas, que se extenderán por diferentes núcleos e lugares das cinco parroquias do noso concello".

As iniciativas durarán ata ben entrado o mes de setembro e manteñen a esencia da programación alternativa que se deseñou para celebrar as Festas de San Xoán, e que se impulsou para poder ofrecer á cidadanía unha oferta de ocio adaptándose ás circunstancias da nova normalidade, resultando un éxito.

A programación de Reinicia Verán Poio será presentada nos vindeiros días. Ademais, o concelleiro de Festexos adiantou tamén que, este ano, por mor da situación provocada pola covid-19, non se celebrarán eventos masivos, como é o caso da Festa do Mar de Combarro. Con respecto a outras citas emblemáticas do verán, como é a Festa da Ameixa de Campelo, Xosé Luís Martínez adiantou que "estamos analizando opcións para intentar ofrecer unha programación alternativa". As actividades do programa estival inclúen actuacións musicais e diferentes espectáculos. Á hora de elixir os emprazamentos tívose en conta a localización e o beneficio de hostalería e comercio local.

Óscar Ibáñez e Xabier Díaz inauguran 'Reinicia Verán'
Comentarios