miércoles. 21.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 21.10.2020
El tiempo

Este 'oso' busca unha familia que o acolla

Oso, mirando a unha das súas salvadoras, que o fotografou no primeiro día de acollida na Canceira de Poio. CEDIDA/D.P.
Oso, mirando a unha das súas salvadoras, que o fotografou no primeiro día de acollida na Canceira de Poio. CEDIDA/D.P.
Este mestizo recuperado en Combarro, foi liberado de cadeas e pode voltar a andar de novo, pero aos seus doce anos necesita exercitarse e nos canís da Canceira non ten espazo

Unha casa de acollida temporal ou unha familia que o adopte permanentemente. Esa é a principal necesidade de Oso, o can da imaxe, un mestizo que foi rescatado recentemente en Combarro e que permanece nas instalacións da Canceira de Poio.

As responsables de Fogarcan, a asociación que xestiona esta canceira, abriron hai poucos días unha recaudación solidaria en Facebook (o que se coñece como un evento) para reunir os fondos cos que se operará este can. Na foto, ten unha mirada melancólica e parece tranquilo, pero en Fogarcan saben que Oso levou mala vida. Estaba atado nunha cadea e tiña un tumor aberto no peito. Aínda o ten, de feito. Despois duns días de probas e de boa alimentación, as responsables da asociación decidiron que paga a pena darlle unha oportunidade de recuperarse e de coñecer, como elas mesmas din, "o que é unha vida, porque, ata o momento, nos seus doce anos de existencia, este pobre animal non o puido saber".

Fogarcan quere que o animal recupere forzas

No momento en que foi recollido da casa na que se atopaba, o can nin sequera conseguía andar dereito. Creíase que ía ter problemas coas articulacións e mesmo que ese tumor podía resultar nefasto, pero, despois das primeiras probas sóubose que, se Oso non andaba, era por estar atado tanto tempo, e pola forte anemia que padecía.

Un par de días de descanso na canceira, un baño e unas pastillas de vitaminas despois, e o can xa anda e move o rabo en sinal de certa alegría. Comentan desde Fogarcan que mesmo deixou de ter a mirada triste desta foto.

Co evento de Facebook, a canceira proponse reunir 1.200 euros para poder pagar esa operación que tanto precisará, no momento en que se recupere da anemia. En seis días, xa se reuniu máis dun tercio dos fondos necesarios. Pero máis importante ca iso sería unha casa na que Oso poida estar en acollida, ou en réxime de can adoptado. As súas patas entumecidas pola falta de costume precisan exercizo diario, e tamén precisará estar ao aire libre e medicamentos diarios cando sexa operado. Son dúas cousas que non lle poden garantizar como desexarían nos canís da canceira.

Este 'oso' busca unha familia que o acolla
Comentarios