Os operarios de limpeza e desinfección, os outros grandes aplausos

José Manuel Villaverde, operario en Poio, ve como moitos empezan a reconocer agora a súa labor
José Manuel Villaverde, operario de limpieza de Poio, durante as tarefas de desinfección en Raxó. DAVID FREIRE
photo_camera José Manuel durante as tarefas de desinfección en Raxó. DAVID FREIRE

O primeiro día que José Manuel Villaverde saiu á rúa ataviado con máscara e luvas para comezar as tarefas de desinfección en Poio, foi tamén o primeiro día que sentiu unha inmensa emoción como profesional da limpeza. "Cheguei ás portas dun supermercado de Poio e a xente comezou a saír á rúa. Non sabía o que estaba pasando ata que comezaron a aplaudirme", relata. "Emocioneime moito". E, nos días sucesivos, este recoñecemento non sería o único. "A nosa profesión sempre estivo pouco valorada, para moita xente dicir barrendeiro é un insulto. Agora moitas persoas estanse a dar conta do necesaria que é a nosa labor", di. "Moitas veces cando estou traballando danme as gracias, e incluso hai quen pretende darme propina, que obviamente non acepto", conta entre risas.

E non é para menos, pois o seu traballo, na liña do frente na loita contra o virus, entraña grandes riscos. "Estamos moito tempo na rúa, en contacto cos residuos da xente e con todo o que pasou polas súas mans". Ademais, o feito de manipular desinfectantes químicos require dunha grande habilidade e moita precaución. "Poden causar irritacións na gorxa e na pel se estás moi exposto, por iso hai que protexerse moi ben".

José Manuel, que leva cinco anos traballando na empresa Valoriza, encargada das tarefas de limpeza en Poio, foi o primeiro da cuadrilla que se enfrontou a esta labor, tan importante como necesaria, nos primeiros días en que os concellos comezaron a adoptar medidas ante a pandemia. "Antes de comezar, estudamos ben cales eran as zonas comúns máis transitadas naquel momento que había que cubrir, como as dependencias da Policía Local, os cemiterios, o centro de saúde, gasolineiras, supermercados, e tamén os bancos de asento e todo tipo de barandillas", explica.

Os operarios de desinfección aplican tratamentos ás rúas e puntos específicos do municipio

Pouco tempo despois, propúxoselles aos supermercados poienses desinfectar os carros e cestos da compra tres veces por semana, e sumáronse tres compañeiros máis ás labores de limpeza e desinfección. Isto permitiu cubrir as zonas de A Barca, Campelo, Raxó, Combarro, Covelo e Samieira. Así, José Manuel encárgase de percorrer dende A Barca ata Raxó e viceversa, os diferentes puntos que requiren un tratamento especial, como é o caso dos contedores de lixo e illas, cunha camioneta provista dun tanque de 500 litros dunha solución desinfectante a base de auga e hipoclorito, mentres que os outros tres compañeiros traballan con máquinas manuais polas zonas que abranguen dende A Barca ata Porteliña, de Campelo ata a Costa de Albar, e de Raxó a Combarro, desinfectando as rúas. Nos últimos días, o Concello de Poio comezou tamén un plan de desinfección para o rural.

Polo momento, José Manuel continúa cargando a camioneta cada xornada ás 6.30 horas e saíndo á rúa para que, o virus ao que lle planta cara, pistola de presión en man, non chegue aos outros. "O que máis me preocupa é a xente maior. Vexo que algúns aínda non están demasiado concenciados, e ás veces mesmo se molestan cando estamos facendo o noso traballo na rúa. Por iso decidín comezar cada día alternando a zona, para non molestar sempre á mesma hora", di José Manuel en tono de broma. Pero estes casos son os menos. O resto, segue a aplaudir.

"Os residuos sólidos son algúns dos máis perigosos"

As labores de José Manuel non só se centran en desinfectar as rúas. Como operario do Punto Limpo Móbil, que deixou de funcionar co decreto do estado de alarma, é tamén o responsable de procurar que a veciñanza teña un lugar onde depositar os residuos sólidos durante o confinamento.

"Os residuos de todo tipo están aumentando. Nótase moito no lixo, porque a xente pasa máis tempo na casa e xera máis. Agora moitas persoas tamén están aproveitando para facer limpeza de trasteiros, e teñen que ter un lugar onde depositar eses residuos sólidos, que en ningún caso pode ser a rúa". Por iso, José Manuel lembra que este servizo do Concello segue a funcionar, e que é tan simple como facer unha chamada para reservar cita para a recollida.

"A empresa segue a recoller voluminosos cada 15 días con previo aviso". No caso dos colchóns, no concello de Poio tamén continúa a recollida por parte dos operarios. "Son, quizáis, os residuos máis perigosos. Sempre o son, porque nunca sabes quen durmiu aí, e son un foco de infeccións moi grande, pero neste caso aínda é moito máis arriscado manipulalos".

Por iso, José Manuel extrema as medidas de precaución. "O equipamento a base de máscara e luvas é imprescindible. Nos últimos días, moita xente dime que hai que agradecer a labor que fan os sanitarios, pero que o noso traballo tamén é moi necesario", conta, pensando xa no seguinte día de faena.

Comentarios