O PAAR renova a oferta primaveral tras superar o declive de visitantes da pandemia

En 2021 as visitas medraron un 50% ata superar as 13.500 persoas, dos cales o 10% participaron nas actividades programadas
Anxo Lorenzo, á dereita, presenta a programación do vindeiro trimestre. RAFA FARIÑA
photo_camera Anxo Lorenzo, á dereita, presenta a programación do vindeiro trimestre. RAFA FARIÑA

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro comeza esta fin de semana a nova programación de primavera con obradoiros familiares. Así o anunciou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, nunha visita ao espazo xunto á directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua.

No encontro estiveron tamén o Xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta, Roberto Pena, así como o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, e os responsables da empresa que xestiona o PAAR.

Na presentación salientouse o papel divulgador que está a ter o parque como xerador dunha oferta cultural e de lecer diversa e capaz de achegarlle a realidade da Prehistoria e dos petróglifos a todos os públicos. De feito, sinalaron que en 2021, ano do décimo aniversario da instalación, superáronse os 13.500 visitantes. O dato supón un incremento do 50% con respecto a 2020 e devolveu ao PAAR á media dos anos anteriores á pandemia.  

Do total de visitas, arredor de 3.000 procederon de centros de ensino. Ademais, para facilitar a divulgación  durante a pandemia, adaptouse a proposta didáctica nos momentos de restricións, incluíndo o desprazamento de persoal aos centros de ensino.

Pola súa banda, máis de 8.000 visitantes chegaron ao PAAR sen ser público escolar. Do total, preto de 1.300 persoas participaron nas actividades ofertadas, o cal supón un 10% dos visitantes.

OBRADOIROS FAMILIARES. Para dar continuidade a estas accións, o Parque Arqueolóxico ten xa en marcha a nova programación de primavera na que unha das novidades son os obradoiros familiares Píos miúdos. De tal niño tal paxariño, que se realizarán todas as fins de semana  ás 10.30 horas ata maio e teñen un prezo de seis euros por persoa. Inclúen un taller de temática ambiental, no que aprender a construír un niño de anduriña e a recoñecer algunhas das aves que habitan no parque, e outro obradoiro arqueolóxico, que variará en función da meteoroloxía e que ofrecerá contidos sobre a caza, o tecido, a pintura ou rexistro arqueolóxico.

Por outra banda, a partir deste mes amplíanse as visitas guiadas diarias cun horario tamén de tarde e poderase percorrer a parte principal da área arqueolóxica da man dunha persoa experta en arte rupestre, ás 12.30 e ás 17.00 horas.

Ademais, este trimestre volve o escape room O segredo oculto do labirinto, para maiores de 14 anos e dispoñible todas as semanas ás 13.30 e ás 16.30 horas.

Proposta para o 8-M, visita de SEO Birdlife e investigación
A maiores dos obradoiros familiares e das visitas guiadas, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre contará esta primavera con varias propostas puntuais. A primeira delas enmárcase no Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, e permitirá que, ao longo da vindeira semana, se lles propoña ás persoas que visiten a exposición permanente unha reflexión sobre os roles das mulleres e dos homes na Prehistoria e tamén na arqueoloxía. Trátase dunha acción interactiva en colaboración coa Universidade de Vigo que pon o foco na identificación do sentido de xénero por parte da cidadanía. 

Un mes despois, na xornada do 10 de abril, haberá unha visita ornitolóxica profesional da man do grupo SEO Birdlife Pontevedra que consiste nunha ruta con prismáticos para a localización de aves. 

Do mesmo xeito, o vindeiro mes, o día 2, terá lugar a segunda edición da xornada Cazadores de petróglifos, que reunirá en Campo Lameiro a investigadores e colectivos que están a traballar arredor da arte rupestre e do patrimonio arqueolóxico galego. As inscricións para asistir ábrense xa este mes na web do parque. 

Comentarios