O Pacto de Pedre revitalízase para reivindicar a mellora da N-541

Cerdedo-Cotobade acolleu este mércores a terceira reunión dos sete alcaldes do acordo, que insisten na necesidade da mellora integral do vial para que "cesen o número de ramos polas vítimas"
Os sete alcaldes do Pacto de Pedre, este mércores durante a xuntanza celebrada en Cerdedo-Cotobade. DP
photo_camera Os sete alcaldes do Pacto de Pedre, este mércores durante a xuntanza celebrada en Cerdedo-Cotobade. DP

O Pacto de Pedre volve a estar sobre a mesa. A Casa Consistorial de Cerdedo-Cotobade acolleu na mañá do mércores a terceira reunión dos alcaldes e alcaldesas dos sete concellos de Pontevedra e Ourense involucrados no acordo na que se reinivicou a necesidade de levar a cabo unha mellora integral da N-541. Á xuntanza asistiron Ana Patricia Torres Madereira, alcaldesa de Boborás; Tomás Sancho Candedo, tenente de alcalde de Beariz; Manuel Vázquez Fernández, alcalde de Punxín; Susana Maria Iglesias Fernandez, alcaldesa de O Irixo; José Manuel Iglesias Araujo, alcalde de Maside; Jose Manuel Dacal Fernandez, tenente de alcalde de O Carballiño e Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade.

Esta foi a primeira reunión do Pacto de Pedre que se produce despois das eleccións municipais e pese a cambios nos equipos de goberno dos sete concello hai unha firme decisión de seguir reivindicando a mellora integral da N-541 por enriba de calquera posicionamento político posto que, segundo dixo Jorge Cubela, "é unha fronte institucional que non representa a partidos senón aos nosos veciños e territorios".

Entre os acordos adoptados por unanimidade polos asistentes figuran a solicitude dunha xuntanza cos alcaldes de Pontevedra e Ourense como concellos cabeceiras de comarcas así como cos presidentes das deputacións das dúas provincias co fin de ampliar o respaldo institucional ao traballo que están a levar os alcaldes e alcaldesas agrupadas en torno ao Pacto de Pedre e que teña deste xeito unha maior amplitude reivindicativa.

Ademais, acordouse trasladar unha moción conxunta a todos e cada un dos plenos das Corporacións Municipais para que sexan aprobadas por todos os concelleiros na que se acorda, entre outros puntos, propoñer aos grupos políticos do Parlamento de Galicia que apoien as iniciativas que os alcaldes están impulsando desde o Pacto de Pedre para trasladarlle ao Goberno Central a necesidade de acometer a mellora integral da seguridade vial na estrada N-541.

Dentro da moción tamén se solicitará aos concellos das cidades de Pontevedra e Ourense e ás deputacións provinciais que se sumen ás propostas reivindicativas, así como que o Parlamento de Galicia faga unha declaración de apoio aos alcaldes e aos concellos do Pacto de Pedre.

Por último, instarase ao Goberno de España a que acometa, coa maior urxencia posible, a mellora integral da estrada na totalidade do seu percorrido, de tal xeito que se garanta a seguridade da vía e reduza a elevada sinistralidade que presenta.

"Se percorremos a N-541 desde Pontevedra a Ourense ou desde Ourense a Pontevedra podemos ver como tristemente seguen aumentando as cruces e os ramos de flores pola cantidade de vítimas que ao longo do tempo vai tendo esta Nacional 541. Non queremos que esta vía sexa un cemiterio de persoas, queremos que sexa unha vía regular ao tráfico rodado, ás mercadorías, aos transportes, un acceso para que viaxen seguros os autobuses que levan aos nosos nenos e nenas, aos nosos mozos e mozas aos seus centros educativos. Queremos, en definitiva, que sexa unha vía de vida", declarou o rexedor de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, ao remate da xuntanza.

Comentarios