"Tras a pandemia os cans non xestionan ben os cambios"

Melanie Standing, a xerente do hotel canino Kennels, fala das dificultades que sofre pola suba dos prezos para o seu negocio
Cans disfrutando das instalacións de Kennels
photo_camera Cans disfrutando das instalacións de Kennels

A chegada da pandemia supuxo moitos cambios para calquera que se atopara neste planeta. O confinamento e ese sentimento de soidade fixeron que moitas persoas decidisen adoptar ou mercar unha mascota. Paliar ese vacío cun "amigo peludo" foi, para moitos, unha salvación.

Melanie Standing é a xerente dun dos hoteles caninos de Poio, o Centro Kennels, que nestes meses de verán se atopa na súa tempada alta de ocupación. Respecto ao volume de traballo, Standing comenta que non é nin máis nin menos que o doutros anos, pero o que si mudou foi a forma de traballar cos cans. Respecto a esta cuestión afirma que tras a pandemia a forma na que os animais se relacionan entre si cambiou. "Se as emocións do humano cambian, o comportamento do can tamén cambia" e isto fixo, segundo comentou a xerente, que actualmente sexa moi complicado xuntalos debido ás incompatibilidades que están aparecendo entre uns e outros. O traballo no Centro viuse modificado, xa que "tras a pandemia os cans non xestionan ben os cambios e presentan máis problemas de conduta", afirma Standing.

En canto á afluencia e ás reservas, a administradora do centro di que se atopan en tempada alta, pero que non pode estimar cal vai ser o mes de maior ocupación. O tipo de reserva que máis xestionan actualmente é a noite, "cando deixan ao can de día adoita ser algo máis puntual". O que si quixo destacar Standing foi o prexuízo que esta suba xeralizada de prezos está a ocasionar no seu negocio. "O noso traballo non se valora, cobramos moito menos do que deberiamos". Como persoa que traballa a diario con cans, a xerente do centro pediu "que haxa conciencia" por parte das persoas á hora de ter unha mascota.

Comentarios