martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

A orquesta París de Noia inaugura o 'agarrado' na Seca

Paris de Noia na explanada da seca_ Con xente de pe_ Aperura de portas as 21_ concerto as 22
París de Noia, este venres, no concerto inaugural desta fin de semana en Poio. RAFA FARIÑA
As entradas esgotáronse horas antes da actuación, ante 1.000 persoas de pé en dúas parcelas ► El Combo Dominicano toma este sábado o relevo

Parecía que os poienses ían quedar coas gañas dunha boa verbena este verán, pero non. Ao límite de rematar a programación Verán en Poio, que dá carpetazo este domingo cos últimos espectáculos da axenda, o concelleiro de Festexos, Xosé Luis Martínez, anunciaba a fin das cadeiras —polo menos de momento— nos espectáculos musicais do municipio. E é que, de acordo ás últimas indicacións da Consellería de Sanidade para os eventos musicais, Poio recibiu onte pola noite na explanada da Seca a un entusiasmado público que cambiou a xa tradicional ollada estática, acompañada do bater de palmas rítmico, por algún que outro baile agarrado, ao que non se puido resistir.

A ocasión non era para menos. É sabido o que lle gusta aos poienses unha boa verbena, e a ausencia de orquestras en San Xoán pasou factura. Tanto é así que a varias horas da actuación esgotaron as entradas para non perder o reinicio do espírito festivo pre pandémico que, a máis de un deulle grandes esperanzas de cara ao vindeiro verán. Nada menos que 1.000 persoas, segundo os datos da distribución de pases, en dúas parcelas de 500 persoas de ocupación cada unha, puideron gozar da verbena inaugural da fin de semana, baixo un protocolo que se levou a cabo con todas as garantías, e no que colaboraron efectivos da Policía Local e de Protección Civil, ao igual que no resto de eventos dun verán que trouxo ao municipio grandes bandas como Efecto Pasillo, M-Clan e, a máis recente, Dr. Queen.

Así, durante a apertura de portas, que tivo lugar sobre as 21:00 horas, os espectadores pasaron ao recinto progresivamente por orde de chegada, ata completar a ocupación de cada un dos sectores do recinto, debidamente acotado.

A mesma operación repetirase na noite deste sábado, na que está prevista a actuación de El Combo Dominicano, que xa esgotou os pases hai varios días, e ao que se agarda que a choiva respete, ao igual que na noite deste venres, posto que, a pesar dos intervalos chuvosos que tiveron lugar ao longo da tarde, en ningún momento estivo sobre a mesa a posibilidade de cancelación, segundo indicou o edil de Festexos.

A clausura do programa Verán en Poio, este domingo

Verán en Poio pecha definitivamente a súa programación este domingo, coa celebración de diversos actos que se tiveron que pospoñer ao longo da tempada debido ás inclemencias meteorolóxicas. Así, o Parque de Costa Xiráldez acollerá o espectáculo de clown de Isolada, a partir das 19:00 horas, que dará paso á actuación do grupo de folk vigués Pelepau, dende as 20:00 horas.

O edil de Festexos mostrou a súa satisfación polo éxito dos eventos programados e porque os espectadores poidan gozar esta fin de semana "dun xeito máis libre" das actuacións musicais.

A orquesta París de Noia inaugura o 'agarrado' na Seca
Comentarios
ç