O Parlamento insta ao Ministerio a descartar o bombeo Verdugo-Oitavén

A proposta do Grupo Popular insta ao Goberno central a someter a avaliación ambiental todas as medidas de abastecemento ao Sur
Río Verdugo. RAFA FARIÑA
photo_camera Río Verdugo. RAFA FARIÑA

O Parlamento de Galicia aprobou unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide ao Goberno de España que renuncie ao bombeo de auga desde o río Verdugo ao río Oitavén por estar acreditada como unha medida cun alto impacto e ineficaz para garantir o abastecemento de auga a Vigo e ao Sur da provincia de Pontevedra.

Ademais, demándase que inicie a tramitación ambiental para avaliar a viabilidade do conxunto de medidas propostas no estudo realizado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil para o abastecemento a Vigo e ao Sur da provincia de Pontevedra.

Na mesma liña, solicítase que declare o abastecemento á cidade de Vigo de interese xeral do Estado e que o Ministerio convoque unha xuntanza cos concellos afectados polas actuacións propostas e coa Xunta de Galicia para achegar información pormenorizada sobre as alternativas e as súas previsións de actuación.

"Actualmente o abastecemento a Vigo e ao Sur da provincia de Pontevedra está garantido, polo que do que se trata é de achegar solucións que resolvan calquera problema de abastecemento futuro no horizonte do ano 2070", indicou a deputada popular Teresa Egerique.

Porén, engadiu que unha das conclusións do estudo realizado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil é que o principal problema de abastecemento de Vigo era a potabilizadora municipal, "unha diagnose que xa fixera Augas de Galicia en 2017 cando, estando o encoro de Eiras ao 37 por cento, o abastecemento á poboación estaba en risco porque a potabilizadora non podía garantir a súa calidade".

"Os feitos quítanlle a razón ao alcalde e danlla á Xunta: en Vigo, a día de hoxe, non hai un problema de cantidade de auga senón de calidade de auga, polo que hai un problema de xestión", insistiu durante a intervención.

Teresa Egerique manifestou que o bombeo do río Verdugo ao río Oitavén "nin é necesario, nin suporía ningunha solución nun momento de escaseza, e levaría aparellado un maior gasto enerxético e podería resultar incompatible co Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa, pois en episodios de seca o volume de auga de ambos ríos queda reducido ao caudal ecolóxico". "En conclusión, esa solución non achegaría o volume de auga suficiente en época de escaseza, polo que non parece que sexa a opción máis eficaz", apuntou.

SOLICITUDE. Ademais, dixo que "será a Confederación Miño-Sil, como autora do estudo, a que debe avaliar de forma obxectiva e rigorosa a viabilidade ambiental das intervencións que propón", xa que sinalou que "a magnitude e complexidade das solucións propostas requiren dunha planificación orzamentaria salientable e dunha tramitación administrativa e ambiental moi longa e complexa, que aínda non se iniciou".

A deputada popular lembrou que o Goberno galego "xa solicitou formalmente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica unha reunión con todos os alcaldes afectados para que dea explicacións, con total transparencia e profesionalidade, sobre o contido dese estudo de alternativas que capitaneou a Confederación Hidrográfica", respecto deste asunto.

Comentarios