O parque infantil de As Redeiras reubicarase a 200 metros da Chousa

A Concellería de Seguridade Cidadá mellorará o espazo e farao "máis accesible" no novo emprazamento ► O cambio de ubicación súmase ao xa anunciado para o parque biosaudable, a causa do futuro aparcamento para residentes neses terreos
Sinalada á esquerda, a nova ubicación do parque biosaudable e, á dereita, a do parque infantil. CEDIDA
photo_camera Sinalada á esquerda, a nova ubicación do parque biosaudable e, á dereita, a do parque infantil. CEDIDA

O parque biosaudable de As Redeiras non será o único que mude de ubicación a causa das obras de emprazamento do futuro aparcadoiro para residentes preto do casco histórico de Combarro. O parque infantil da mesma rúa, actualmente contiguo ao biosaudable, tamén se trasladará. Así o confirmou a este medio a edil de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, quen explicou que o equipamento terá cabida noutra zona verde da mesma rúa, e que está ubicada a uns 200 metros da entrada á Praza da Chousa, máis próxima ao espigón do Náutico.

Deste xeito, o parque biosaudable e o parque infantil ubicaranse nas respectivas zonas verdes de As Redeiras que se atopan separadas pola actual zona de aparcamentos que inclúen prazas para persoas con mobilidade reducida. Ademais, tal e como asegurou Caldas, no caso do parque infantil, non só se trasladarán os elementos existentes, senón que se aproveitará para mellorar o espazo na súa nova ubicación e facelo "máis accesible", así como "remodelar" os elementos. De feito, ambos espazos, tanto o parque biosaudable coma o infantil, achegaranse cara o centro neurálxico da zona que supón a Praza da Chousa, algo que contribuirá a integrar ambos espazos na oferta lúdica da contorna, xa que actualmente atopábanse deslocalizados deste centro, máis próximos ao peirao da Canteira. No seu lugar, habilitaranse parte das prazas de aparcamento para residentes anunciadas recentemente pola Concellería.

REORGANIZACIÓN DA RÚA. As novas prazas de aparcamento para residentes en As Redeiras forman parte do Plan Integral de Estacionamento proxectado polo Concello para a zona. Neste sentido, tal e como salientou Caldas, proxéctase reorganizar o Paseo das Redeiras "reducindo a entrada de coches no verán", así como coa "reorganización do tráfico" e o traslado destas zonas de ocio a un punto máis céntrico.

A actuación na zona, que ten como obxectivo principal, na actual fase do Plan, facilitar a vida dos veciños e veciñas do centro histórico de Combarro, de xeito que se poidan garantir as prazas de estacionamento, sobre todo de cara á época estival, queda agora pendente do permiso sectorial de Portos para comezar a obra, no que se refire tanto á habilitación do aparcamento como ao simultáneo traslado e actuación sobre os parques existentes en As Redeiras.

Estas actuacións levaranse a cabo con cargo a crédito xa retido para acometer a obra, cuxo procedemento comezará inmediatamente, unha vez aprobada a solicitude feita a Portos para a concesión de parte dos terreos nos que se habilitarán parte dos aparcamentos, e que se atopan baixo o dominio do ente autonómico. Os restantes, son de titularidade municipal.

Marga Caldas: "Non só haberá aparcamento para residentes"
A edil de Seguridade Cidadá, a nacionalista Marga Caldas, garantiu que nos plans da Concellería tamén está facilitar a intendencia dos visitantes do casco histórico de Combarro. Neste sentido, explicou Caldas, "non só haberá aparcamento para residentes, o Concello vai facilitar alternativas de parcelas próximas ao centro histórico de Combarro para os visitantes", afirmou.

Segundo Caldas, de 60 prazas para adxudicación a residentes contempladas no actual proxecto, 25 son de nova creación, e o resto corresponden a zona pública. "As 34 que se restan da zona pública vanse reverter tamén noutra zona portuaria", manifestou.

Marga Caldas manterá no sucesivo unha reunión coa veciñanza da zona para que poida coñecer de primeira man todos os detalles deste proxecto que mudará a vida en Combarro.

Comentarios