A parroquia de Viascón celebra as súas festas na honra de Santiago Apóstolo

A orquestra Magos e o trío La Noche amenizarán a verbena deste domingo e o luns haberá unha misa solemne seguida de procesión
Presentación da programación festiva de Viascón. DP
photo_camera Presentación da programación festiva de Viascón. DP

A parroquia de Viascón celebrará este domingo e mañá as festas na honra de Santiago Apóstolo. O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, o tenente de alcalde Fernando Vázquez e a Comisión de Festas de Viascón –presidida por Javier Lois e formada por Ana Lago, Teresa Valiño e Isabel Villanueva– presentaron o sábado o programa festivo, no que o protagonismo musical correrá a cargo da orquestra Magos e o trío La Noche, que serán os encargados de amenizar durante a noite deste domingo o campo das festas de Viascón.

O luns, día 25, será cando se viva con maior fervor relixioso a xornada festiva, que contará como acto central coa misa solemne cantada que terá lugar ás 13.00 horas na igrexa parroquial de Viascón, seguida de procesión acompañada pola Banda Unión Musical de Tenorio.

Como remate das festas, a Banda Unión Musical de Tenorio ofrecerá aos presentes na xornada de mañá varias pezas do seu variado repertorio para amenizar os momentos de reencontro veciñal no adro da igrexa.

O alcalde, Jorge Cubela, agradeceu aos responsable da Comisión de Festas de Viascón por "dinamizar a parroquia con este tipo de celebracións e anímovos a seguir traballando pola veciñanza coa intención de seguir mantendo vivas as nosas tradicións ao tempo que se ofrecen novas alternativas de lecer para compartir de xeito harmónico entre todos os veciños".

Comentarios