Patrimonio obriga a modificar o proxecto da mellora da Praza de San Martiño

O Concello deberá revisar o proxecto, co cal os prazos estimados para desenvolver os traballos non poderán cumprirse, indica Gregorio Agís
Gregorio Agís. DP
photo_camera Gregorio Agís. DP

O Concello de Poio deberá agardar para poder facer realidade a mellora da Praza de San Martiño. O edil de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, vén de revelar que un informe desfavorable da Dirección Xeral de Patrimonio imposibilita levar a cabo o proxecto nos prazos e forma nos que estaba planificado. Ante esta situación, Agís xa adianta que o Concello buscará alternativas para desenvolver unha actuación que sirva "para poñer en valor e mellorar os servizos, ao mesmo tempo que se manteñen os usos dun lugar como punto de encontro".

No proxecto deseñado por Urbanismo contemplábase, ademáis da dotación e ampliación de servizos básicos, a renovación do firme. E neste último punto Patrimonio non está de acordo, dada a proximidade da capela.

"O documento de Patrimonio fala de ampliar zonas verdes e axardinadas, pero iso suporía que se perdese o uso que se lle dá á praza, onde celebran eventos e actividades de xeito habitual", explica o concelleiro.

Agora mesmo estanse a estudar outras fórmulas para executar os traballos mantendo os usos e cumprindo o condicionante. "O feito de ter que modificar o proxecto provocará que non se poida facer realidade nos prazos que tiñamos previstos, pero xa estamos na busca de opcións para que a obra se poida levar a cabo cumprindo con todos os requisitos", afirma o edil

No proxecto orixinal consta que a actuación afectará a unha superficie que supera os 1.000 metros cadrados, coa supresión de barreiras arquitectónicas e de accesibilidade que existen na contorna da praza. Ademais, apóstase pola dotación dunha plataforma única de circulación, na que se lle dará prioridade aos peóns no tramo da Rúa Capela. A actuación prevíase levar a cabo nunha zona que actualmente dispón dun firme pavimentado con mestura bituminosa en quente. Búscase a súa demolición, así como a adaptación da rasante á nova superficie. O proxecto defende a dotación á praza dunha superficie de adoquín de granito moreno. A maiores, no entronque da praza do Camiño San Martiño instalarase pavimento de formigón raiado semipulido. O edil valora incluír a obra nos fondos provinciais de 2023 e destinar os deste ano a outra intervención.

Comentarios