O Pazo de Besada xa é un lugar de convivencia

A inauguración da remodelación integral do emblemático edificio puxo este sábado de manifesto o "logro histórico" que, en palabras dos dirixentes municipais e provinciais, supón esta obra
Os membros do Goberno local acompañaron á presidenta da Deputación durante a
inauguración do Pazo de Besada. RAFA FARIÑA
photo_camera Os membros do Goberno local acompañaron á presidenta da Deputación durante a inauguración do Pazo de Besada. RAFA FARIÑA

Con alfombra vermella incluída, o Pazo de Besada mostrou este sábado ao público por primeira vez os seus encantos, que conseguiu sacar á luz unha remodelación integral por arredor de medio millón de euros financiada ao 100% pola Deputación de Pontevedra a través da concellería de Promoción Económica e Urbanismo de Poio, e que constitúe todo "un logro histórico" para os dirixentes municipais, que coincidiron en destacar a importancia do emblemático edificio para a veciñanza.

Deste xeito, o Pazo de Besada pasará dende agora en diante a albergar os departamentos de Servizos Sociais, Mocidade e do Centro de Información á Muller (CIM), tal e como detallaron o alcalde, Luciano Sobral, o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, e a presidenta da máxima institución provincial, Carmela Silva, quenes presidiron a inauguración, na que estiveron membros do Goberno local e da Corporación, así como persoal municipal.

RAFA FARIÑA
RAFA FARIÑA

Logo dunha visita polas instalacións, a sala que se destinará a eventos e actividades, e que este domingo acollerá a modo de estrea a celebración de homenaxe ás parellas de Poio que cumpren 50 anos xuntas, foi o escenario no que Agís repasou os segredos agora recuperados da edificación, como é o caso da biblioteca, "unha xoia renacentista do Pazo dos Churruchaos". Neste sentido, para o edil, a posta a disposición deste espazo para a veciñanza consuma "un fito equiparable ao desbloqueo da situación da depuración de Raxó e Samieira ou a apertura ao público de Tambo".

Así, recuperar "un referente histórico e patrimonial de Poio como a finca de Augusto González Besada, e poder convertelo nun punto de encontro para a mocidade e as persoas maiores é un logro moi importante" para un espazo que se vai "converter nun centro de convivencia dos nosos veciños de Poio", afirmou, á vez que asegurou que "criamos que era importante destinar este espazo aos veciños e decidimos adicalo a Servizos Sociais e ao CIM, dous servizos de referencia no entorno".

Con este aspecto coincidiu a presidenta da Deputación, quen non dubidou en destacar ao CIM e ás áreas de política social de Poio como "unhas das mellores da provincia de Pontevedra". Silva destacou o espazo como "un lugar único na provincia, situado nunha contorna natural cunha gran historia detrás. Un inmoble polo que pasaron grandes persoeiros e que agora vai centralizar as relacións interxeneracionais", onde se encontrará "a xente nova coa xente maior". Para Silva, o concello de Poio representa, en definitiva, "a potencia do que é o pobo galego".

RAFA FARIÑA
RAFA FARIÑA

Tamén emocionado, o alcalde, Luciano Sobral pechou o acto a berro de "viva Poio!", lembrando que cando o Concello aprobou o PXOM a principios do século XXI "precisamente xa contemplamos a recuperación de espazos naturais e edificacións históricas. No caso do Pazo de Besada, atopábase nun evidente estado de abandono e ruína, ao igual que a biblioteca e a Casa dos Caseiros. Pouco a pouco, con moito esforzo e traballo, fumos avanzando na súa recuperación, ata chegar a hoxe, no que poderemos gozar dunhas instalacións únicas. É, sen lugar a dúbidas, un soño feito realidade", finalizou.

As dependencias

Con dúas prantas máis un ático, o Pazo de Besada reformouse baixo a premisa dun deseño contemporáneo pero que respecta os vestixios históricos, cunha execución na que predomina a elegancia, que representa a esencia do Pazo. As terrazas e os diferentes espazos están pensados para recibir ás persoas maiores que queiran pasar unhas horas lendo ou paseando polos xardíns mentres os familiares fan xestións, nun espazo seguro onde estarán atendidos. No ático ubícase unha estancia para os xóvenes a modo de biblioteca e sala de lectura, recuperada en madeira, mentres que as distintas áreas acollerán funcións administrativas.

Cabe lembrar que a Casa Rosada seguirá funcionando plenamente para a celebración de actividades, dentro dun departamento de Servizos Sociais que cada vez gaña máis terreo.

Comentarios