Pecha o Caldelas Tapas despois de servir máis de 10.000 racións

Na ruta polos distintos establecementos, os clientes puideron degustar unha ampla variedade de delicias culinarias en formato pequeno

Edición anterior do Caldelas Tapas. DP
photo_camera Edición anterior do Caldelas Tapas. DP

 A cuarta edición do concurso gastronómico Caldelas Tapas rematou o venres despois de un mes en funcionamento coa satisfacción xeral do público e os locais participantes.

Os resultados preliminares analizados polo Goberno local apuntan á venda dunhas 10.000 tapas ao longo de todo o mes, cunha media que oscila, segundo os locais entre as 150 e as 300 tapas por día. Segundo estes cálculos, o impacto económico producido, só contabilizando o prezo das tapas e sen valorar as consumicións a maiores que se producen sempre con este tipo de eventos, é duns 25.000 euros. O público apreciou especialmente a calidade das propostas gastronómicas e salientou tamén a abundancia das tapas, que se serviron ao prezo de 2,50 euros con bebida básica incluída.

Na ruta polos distintos establecementos, os clientes puideron degustar unha ampla variedade de delicias culinarias en formato pequeno e coa gastronomía da terra moi presente.

As imaxes de cheo total en varios establecementos nas horas punta das noites de venres xa se converteron nunha imaxe habitual. Así como o roteiro que os máis afeccionados fan entre os distintos locais para ir probando todas as tapas.

PARTICIPANTES. Os participantes foron os establecementos Tapería Alalá, coa tapa Delicia de Verano; Verdugolandia con 'Chipirones rellenos'; O Recanto coa proposta 'Dona Burguer'; La Tribu, que ofrecía unha 'Flecha Marina'; Acuña con un 'Cóctel de verán0'; Asador del Chavo que tiña 'Brocheta de pollo y sésamo con mayonesa de soja'; Albergue Jamarte, que ofrecía 'Pincho marinado sobre migas y pesto'; La Cucharita, con 'Cucharita al escabeche'; Cervecería Alameda que presentou 'Delicias del Parisién'; Mesón Nolito, con 'Dulce y salado'; Mesón Parada, que tivo 'Brocheta de ultramar', Bora Río con 'Pan de allo con richada mixta', e Casa 501 e a súa Milhojas de solomillo'.

O Goberno local participou activamente nos venres de tapas de Ponte Caldelas e volveu comprobar o forte tirón do evento, que é quen de atraer numeroso público de toda a bisbarra, así como de diversos concellos da provincia e mesmo a algúns clientes chegados das zonas máis próximas de Ourense.

Comentarios