Pesca en Campo Lameiro unha troita de 2,09 quilos de peso e 56 centímetros

O veciño Ramón Gómez decidiu regalarlle o ernome exemplar a unha amiga que está embarazada e "contárame que tiña antollo de troitas"  ▶ "Pescar unha troita destas é como se che toca a lotería", explicou, engadindo que lle levou 15 minutos sacala da auga
A troita de máis de medio metro foi capturada en Serrapio, en Campo Lameiro. D.P.
photo_camera Troita campo lameiro 2

O veciño e electricista de Campo Lameiro Ramón Gómez viviu este domingo un inicio de tempada de pesca inédito ata a data na súa existencia como pescador. Ramón, que conta 46 anos e vai aos ríos case desde cativo, fíxose onte cunha peza de 2,09 quilos e 56 centímetros. Un exemplar de máis de medio metro, que, sen embargo "nin vía, porque o río está moi cheo aínda, e ademais era bastante escura".

De feito, Ramón pensou, ao principio que o tirón que sentiu na tanza era froito de ter enganchado unha rama ou calquera elemento dos que arrastra o río. "Cando vin que era unha troita comezamos a tirar e afrouxar e así estivemos uns 15 minutos, de conversa ata que o conseguín", relata.

Ramón e Jéssica, co exemplar de troita capturado o domingo. D. P.
Ramón e Jéssica, co exemplar de troita capturado o domingo. D. P.

Con todo, Ramón considera que atopar un exemplar así "é unha lotería, porque son difíciles de atopar, e moito máis de sacar da auga, no caso de que piquen, xa que se poden achegar á beira e agocharse entre a maleza, facer forza, ou beneficiarse das correntes fortes para romper o sedal".

Ramón, que prefire o poder relaxante do río ao propio sabor das troitas, regaloulle este exemplar a Jéssica, a muller dun amigo seu, que está esperando o nacemento dunha nena e "xusto o día anterior dixera que tiña antollo de troitas".

Como bo home de río, non parou de pescar en canto colleu esta gran peza, así que ata as sete da tarde deulle tempo a sacar outras catro, pero máis pequenas. En canto ao lugar, non garda o segredo senón que o comparte con outros deportistas: foi en Serrapio, no río que vén de Quireza e desemboca no Lérez. De todos os xeitos, sinala que "será difícil que nese punto apareza pronto outra coma esta, porque as troitas grandes teñen fama de ser moi depredadoras de todo o que hai no seu contorno, e moi territoriais, así que non penso que houbera outras así pola zona". 

Comentarios