O plan 'Polo Nadal, comercio local' esgota a remesa de rifas en Barro

O Concello tivo que encargar máis boletos, ante a aceptación do concurso, no que participan cincuenta comercios locais
2019122312340878729
photo_camera Adrián Silva, entregando las rifas en A Taberna de Rei. DP

A Concellería de Promoción Económica de Barro mantén o apoio ao comercio local mediante a campaña Polo Nadal, comercio local, coa que o goberno municipal pretende promover e dinamizar o comercio local e que está destinada a implicar aos clientes máis fieis aos establecementos deste concello.

Para iso, o primeiro paso foi crear unha nova imaxe que aglutinara todas as campañas que se realizan ao longo do ano e estrear esta imaxe coa proposta de Nadal, que consta de dúas partes: por unha banda o sorteo de vales de compra por valor de 50 euros entre os consumidores no comercio local e, pola outra, un concurso de fotos nas redes sociais, onde se premiarán as fotos cuxa temática sexa o comercio de Barro, que deberán levar o cancelo #PoloNadalComercioLocalBarro.

A primeira das propostas, o sorteo de vales de compra, conta con grande aceptación por parte dos veciños e veciñas, como vén de demostrar o feito de que o responsable da área, o edil Adrián Silva, tivera que iniciar esta semana un novo reparto de tacos de rifas entre os establecementos participantes. Así, na primeira tanda fixéronse 10.000 rifas, pero estas esgotáronse ao pouco de seren distribuidas. Así que o Concello tivo que encargar e repartir outra remesa da mesma cantidade de boletos.

SORTEO. O sorteo dos vales terá lugar o día 3 de xaneiro no Concello de Barro e a entrega dos premios será o 5 de xaneiro na Nave da Música, ao remate da Cabalgata de Reis, de xeito que a festa de despedida do Nadal deixará un recordo positivo en moitos dos veciños e clientes do municipio.

Por outra banda, o Concello segue a animar a todos a participar no concurso de fotografía, mediante o cal a foto con máis reaccións nas redes sociais Facebook, Instagram e Twitter será tamén premiada cun vale de compra. As bases do concurso poden ser consultadas na páxina web do Concello. A esta campaña adheríronse máis de medio cento establecementos. Para Adrián Silva, responsable da área de Promoción económica: "Con esta campaña o que buscamos é dinamizar e visualizar o comercio local e promover unha economía de proximidade".

Comentarios